{ tribuna }

E ti, teletraballas?

María Cadaval Sampedro

María Cadaval Sampedro

NA ÚLTIMA DÉCADA o teletraballo converteuse nunha opción cada vez mais común en empresas e institucións. A pandemia da covid-19 acelerou a adopción desta fórmula coma un estímulo para manter a actividade e, incluso, incrementar a produtividade en tempos complexos onde mandaba o distanciamento social. Mais unha vez que a situación pandémica se normalizou a tendencia do mercado laboral a distancia diminuíu. Mentres nos peores momentos do 2021 tres millón de persoas traballaban de xeito remoto –algo máis do 16,2% do total, doce puntos por riba do ano inmediatamente anterior–, a día de hoxe esta porcentaxe é inferior, sitúase no 9%, segundo Eurostat.

Antes disto os detractores do teletraballo superaban aos defensores. Lémbrese senón aquelas declaracións de James Dimon –director executivo de JPMorgan– dicindo que o traballo dende a casa “non funciona” para aquelas persoas que o queren facer en serio. Elon Musk exixiu que os seus empregados se comprometeran cun horario de longa estadía e “alta intensidade na oficina”, mentres, Steven Rattner publicou nunha das súas columnas en The New York Times que o traballo dende a casa era sinónimo de que os EE. UU. se estaban “abrandando”.

Estas posturas tan contundentes mudaron tras a pandemia, un momento no que o paradigma vital tornou e a conciliación familiar ou o benestar emocional entraron de cheo nas relacións laborais. As persoas defensoras do traballo en remoto avogan pola liberdade de traballar en calquera lugar, a posibilidade de adaptar os horarios laborais ás necesidades persoais, así coma o aforro en tempo e diñeiro que supoñen os non desprazamentos ou, incluso, o mellor aproveitamento dos factores de produción derivados do menor estrés e a ausencia de distraccións nos lugares de traballo.

No outro lado da balanza, esta flexibilidade pode agochar un alto prezo que se albisca nos comportamentos de retorno á presencialidade. Maioritariamente son os homes os que deciden volver á oficina, mentres as mulleres optan por teletraballar para “conciliar” mellor, o que as penaliza coas tarefas asignadas e, polo tanto, curtocircuíta a posibilidade de ascenso nas súas carreiras profesionais. Existe un risco de converter o teletraballo no gueto feminino do traballo sen futuro, mais tamén perigan cuestións coma a falta de cohesión de equipos, o illamento das persoas empregadas e, por que non dicilo, o risco de que se converta no refuxio de quen aproveita esa modalidade para non traballar ou facelo no mínimo posible.

Unha boa parte das empresas e, sobre todo, das institucións non contan coa preparación necesaria para o cambio disruptivo que se produciu, co que cómpre que aborden canto antes a transformación material e, sobre todo cultural, que require sen que a produtividade se resinta. Só dese xeito pode funcionar.