{ negro sobre branco }

Quen é todo o mundo?

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

LEMBREI O OUTRO DÍA unha anécdota universitaria, lendo as declaracións de edís santiagueses que se sentiron molestos coa non asistencia da Alcaldesa á ofrenda de San Roque. Nunha clase de estudantes de Economía, á petición miña de elaboraren unha listaxe de oficios/profesións dos seus coetáneos, non universitarios, tiven unha primeira resposta contundente á vez que crítica coa pregunta. Tiven que me esforzar bastante para demostrar con estatísticas, por suposto, que a contestación rotunda de “hoxe estuda todo o mundo” só se refería ao colectivo que integraba en “todo o mundo” só o que o referido discente coñecía e que, por certo, non era realmente “TODO”. Todo para el representaba só o seu círculo próximo de amigos e parentes. Probablemente, tamén reducido ao longo da súa curta existencia polas relacións que desde a familia e parentes se limitan a un sector social, pertencente a un segmento social, integrados nunha clase social determinada. Unha vez coñecido o dato de abandono escolar, ao longo do seu propio bacharelato, sumado a todos os mozos que estaban traballando, no paro, ou emigrados ou en casa en espera de algo mellor que facer, xa tiñamos unha idea aproximada da falacia de “hoxe todo o mundo estuda”. Engadín: debedes observar un pouco máis –e tamén mellor– e ir fixándovos na idade que teñen os camareiros e cociñeiras do bar da Faculdade. Debedes observar aquí mesmo que hai bedelas e bedeles e administrativos e bibliotecarios ben noviños, da vosa idade e non están estudando. Debédesvos fixar nos camareiros dos bares de copas aos que ides á noite, nas empregadas do supermercado, nas das tendas de roupa ou das librarías (mesmo aquel día que fostes) e, finalmente, é probábel que a empregada doméstica, que traballa na vosa casa, teña 20 anos. Non sei se logrei a finalidade pedagóxica que pretendía no tema da poboación activa, mais estou certa de que, vendo o que as súas expresións reflectían, naquel tempo observaron o que nunca viran.

A anécdota vén hoxe a conto para lembrar aos edís protestóns que todo o mundo non é a ampliación do seu círculo de amizades e/ou relacións laborais máis ou menos cotiás. Mesmo ese círculo ampliado non é representábel pola observación directa de quen se relaciona por necesidade social ou ideolóxica sempre nun sector moi determinado. Botemos man dun colectivo non homoxéneo mais en principio identificábel con rasgos aparentemente simples. Por exemplo, os votantes do PP católicos, mesmo católicos votantes doutros partidos. Só no primeiro colectivo, os votantes do PP que son á súa vez católicos, sabemos que existen sub-colectivos, nese citado, que non son entre si compatíbeis á hora de seren integrados no mesmo grupo e terán opinións distintas ao respeito das relacións do poder civil e do relixioso. Hai seguramente católicos votantes do PP que non ven ben que se acuda como representación civil –a do César– á celebración relixiosa –á de Deus. Mesmo tamén sabemos que hai católicos que abominan do convivio da superstición coa relixión, dando por superfluas as ofrendas a santos de cuxa existencia, fóra da lenda, non se garda historia.