{ TRIBUNA }

Estoicismo

Xavier Varela

Xavier Varela

A VIDA ESTÁ CONDICIONADA pola idea que nos facemos dela. Si partimos da maldade desconfiaremos de todos e aillarémonos; si pola contra queremos felicidade debemos ter unha idea da vida placenteira. Todo vai depender do xuízo que fagamos do que nos ocurre e do que non depende de nos.

Os estoicos admitían unha lei universal que rexía e ordeaba a natureza e a capacidade humana de entendela, utilizando a razón. A idea é vivir en concordancia coa lei universal que todo o goberna. Unha vida intelixente será quen de armonizar a capacidade de entender o que sucede ó noso arredor e desenrolar unha actitude persoal acorde cos acontecementos. Nisto consiste o concepto de imperturbabilidade como unha orientación para vivir que debe educarse dende neno. Debemos buscar a serenidade da reflexión fronte a forza das emocións. Temos que ser donos do noso estado de ánimo. Latexa a idea da liberdade como control individual, como capacidade de liberarse da esclavitude das paixóns e das necesidades artificiáis impostas dende o exterior. O valor desta alternativa consiste en poseer a maior autonomía, o maior autocontrol.

O estoicismo insiste en que formamos parte da natureza valéndose dela como ideal para orientar a nosa conducta na vida. A principal doutrina ética do estoicismo é a autosuficiencia que consiste en non depender de ninguén nin de nada, desprendéndose dos bens materiais non necesarios. Séneca sentencia: “Non é mais feliz o que máis ten senón o que menos necesita”.

Seguindo a Aristóteles os estoicos afirman que a palabra é a que nos diferencia do resto dos seres vivos e a Razón é o instrumento para usala convertíndose deste xeito na característica principal da humanidade; polo tanto vivir dacordo coa natureza e vivir conforme á razón e vivir en contra non só é un erro senón un prexuizo que nos faría irracionais. Séneca concibe ao ser humano non como un acougado senón como a un loitador que se enfrenta aos propios desexos sabendo que si sae vencedor na loita acadará unha vida digna rexeitando desta maneira a inevitabilidade dos desexos.

O estoicismo intenta responder á gran pregunta: ¿Cómo se debe vivir? Tanto Séneca como Marco Aurelio tiñan claro que os bens materiais non debían provocarnos desánimo. Debemos desenrolar, decían, unha mentalidade de rexeitamento material.

Nunha orxía consumista como a de hoxe a partir dunha auténtica educación deberíamos ser quen de reorientar as nosas prioridades. Seguindo a Epicteto que nos decía: “O sufrimento non procede dos sucesos da vida senón do modo como nós interpretamos e xuzgamos ditos acontecementos”.

A conclusión é que a verdadeira felicidade apréndese e acaba converténdose nun modo de ser. Debemos polo tanto construir a propia identidade a partir dun hábito de análise que examine a nosa vida, destacando os verdadeiros bens que son o coñecemento, a educación e a ética.

O estoicismo propón tomar o control da vida sobre todo das emocións. É unha escola de vida orientada á búsqueda da serenidade e autocontrol que como decía Marco Aurelio casi nada material é vital para unha vida feliz.

TEMAS