Olladas ao País

Ás portas

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

AS ÚLTIMAS ENQUISAS para as nosas nacionais galegas coinciden en que Rueda, de conservar a maioría absoluta, faríao pola mínima, mentres que a alternativa de coalición dirixida por Pontón (BNG) esta xa ás portas. A enquisa de Gesop para EL CORREO GALLEGO e demáis xornais de PRENSA IBÉRICA publicada o 11-F deixa ao PP en 38 cun 44,5% de votos, fronte aos 24 do BNG co 31% e 13 do PSdeG co 15,5%, desbotando que calquera outro partido quite representantes. Os dados reflicten que o PP pode conservar esa maioría absoluta pola mínima ou perdela por unha presa de votos, a falta de toda a segunda metade dunha campaña que cada vez máis xira arredor da probabilidade de fonda remuda política que representa Ana Pontón. Os dados de intención directa de voto na circunscrición de Pontevedra mesmo reflicten empate técnico entre BNG e PP.

Do risco da maioria absoluta de Rueda da conta un dado moi potente da enquisa que publicou a principal canle radiofónica privada do Estado: o 46,5% das persoas enquisadas prefiren un Goberno de coalición entre BNG e PSdeG, fronte ao 29% dos que prefiren goberno do PP só e máis o 7,5% que queren goberno PP-Vox. Se a isto lle engadimos que Pontón é a preferida como líder en case todas as enquisas, que xa aparece a posibilidade de succión directa de votos do PP no 2020 ao BNG (polo menos en níveis de varias ducias de milleiros) e o pulo de mobilización que,. primeiro aos poucos e arestora xa nidiamente, xa se vai sentindo podemos enxergar que o cambio é factíbel.

Porén, a febleza de Rueda como líder e o desnortamento que sofren os estrategas da campaña do PP non pode agochar a grande potencia da súa estrutura, a capilaridade da súa organización e a alta fidelidade de voto que presenta en caase todas as enquisas. Velaí que a posibilidade de cambio esixa incerementar substancialmente a participación e concentrar o voto no BNG, porque a regra D´Hondt penaliza gravemente ao segundo que perde contra o primeiro por máis de vinte pontos porcentuais, mentres que comeza axudar cando o segundo se achega ou sobarda o 30%.

 Diante desta realidade compre confiar, como sempre, na cidadania, que é a que máis ordena. Malia que non estaria de máis que os líderes de determinadas forzas de oposición souberan albiscar o histórico destes intres e actuar conforme á transcendencia do momento e cos intereses desa cidadania, desa maioria social, que din defender.