Opinión | Olladas ao país

A nosa historia, a nosa memoria

Nos últimos tempos asistimos a un revisionismo histórico desenvolvido de xeito sobranceiro, malia que non exclusivo, por persoas, entidades e correntes de pensamento vencelladas á extrema dereita. Este revisionismo diríxese basicamente a reivindicar 1) a multisecularidade da nación española que seica dataría da época romana e atoparía a expresión da súa unidade no Reino visigodo; 2) a negación da singularidade nacional galega, pois que Galicia na Idade Media sería unha simple parte do Reino asturleonés, e 3) a Coroa de Castela seica desenvolveu un grande labor de evanxelización e civilización na América Latina, resgatando as súas poboacións da disfuncionalidade, do atraso e da barbarie dos dirixentes das civilizacións precolombinas.

Seica son as mesmas persoas que rexeitan como adoutrinamento as conclusións científicas a respecto da nosa historia, como rexeitan tamén as que contan a historia catalá, vasca ou canaria. Ou a de Corsica, Catalunya Nord ou Bretaña a respecto da República francesa e as de Gales, Irlanda e Escocia a respecto do Reino Unido. No noso caso, a historia que nos aprende que Gallaecia constituise no século III como provincia romana con tres conventos, lucense (a Galicia actual), bracarense (norte de Portugal) e asturicense (Asturies e León actuais), que Gallaecia constituiu, dende a unión sueva e galegoromana o primeiro “regnum” da Europa e que o Reino de Galicia foi sempre, até 1230, a parte sobranceira do Estado cristián occidental, sendo Compostela o seu centro político e cultural, a Catedral e o Pórtico da Gloria as súas manifestacións artísticas senlleiras, o camiño xacobeo a súa epopea e as cidades costeiras fundadas polos reis de Galicia Fernando II e Afonso VIII (A Coruña, Noia, Baiona e Betanzos) a expresión da súa independencia política, apostando estratéxicamente polas conexións atlánticas e europeas. As que salientan a “doma e castración do Reino de Galicia” dos Reis Católicos, que contou o licenciado Zurita, como labor unificadora e pacificadora, no canto de salientar a súa represión colonizante que subordinou e tentou anular a nosa lingua, cultura, Dereito e institucións.

Son as entidades e correntes que agachan que a Xunta Superior do Reino de Galicia constituira un goberno provisional independente entre 1808-1809, armando exército e achegando embaixada a Londres e que a revolución de 1846 non foi un pronunciamento, senón un movemento galeguista, liberal e demócrata. Que a perda para a Coroa española de Cuba (1898) para Galicia constituiu unha grande oportunidade de repatriación de capitais que se investiron na súa industrialización, desenvolvida con grande suceso no primeiro terzo do século XX, de xeito que Galicia era no 1936 un país con grandes perspectivas de prosperidade e desenvolvemento, que foron tronzadas polo franquismo. 

Son as que agachan que hoxe Galicia sexa un país de alta e non compensada recadación fiscal estatal, malia o empobrecemento xerado pola dependencia política inducida e pola expoliación da nosa enerxía e recursos naturais. E, en último de contas, son as que agachan tamén que a nosa memoria do 1936 e seguintes non é de guerra, senón de asañada e sanguenta represión o expolio patrimonial, aínda non reparado, de milleiros.