Opinión | Olladas ao País

Luisa Villalta, a nosa estrela

Ben sei que non é éste o espazo para recensións ou críticas literarias, musicais ou culturais, para as que, ademais, nin teño cualificación nin oficio. Mais si compre achegarmos, rematada a súa homenaxe nacional destde 17-M, á obra de Luisa Villalta (poética, dramatúrxica, narrativa e ensaística, entre outras) dende a perspectiva cidadá, humanista e patriótica.

Luisa Villalta é unha intelectual depurada dende unha fonda vocación pedagóxica. Estudou e traballou con rigor, xeito e esforzo dende moi nena para estruturar unha amplísima cultura literaria, musical, artística e en ciencias sociais e humanas. Xerou unha metodoloxía crítica-tamén fondamente autocrítica- na definición analítica e sintética do seu pensamento e, ainda máis, na súa tradución á acción: política e social.

A súa intelectualidade reflíctese no grao de elaboración da súa obra e no seu compromiso coa calidade técnica e artística. Mais Luisa Villalta, sen concesións comerciais, quere ser intelixíbel para o común da cidadania. Agroma aqui a súa vocación docente, que enfrontou con espirito de cidadanía, para sementar nas persoas discentes ese sentido crítico e autocrítico co que ela ollaba á súa obra, á súa contorna e ao mundo.

Luisa Villalta é unha humanista. Na súa obra ensaística e en moitas pegadas da súa obra literaria LV pregúntase pola vixencia permanente e temporal das decisións do noso día a día e da liberdade, entendida como liberdade individual, mais tamén alicerzada na posibilidade das liberdades colectivas. O seu espirito crítico afasta o pensamento de LV dos lugares comúns.  

Luisa Villalta é galeguista comprometida dende a súa vocación coruñesa. Afastada de dogmatismos LV construiu un discurso alicerzado na lingua, cultura e nación galegas, integrador e acolledor, mais abondo definido nos seus marcos. LV apela a toda a cidadanía, sen exclusións, mais dende inequívocas referencias de identidade, pertenza e proxecto colectivos.  

LV constrúe o seu galeguismo político, social e vital dende a súa identidade coruñesa inequívoca, sendo quen a conectar coa tradición galeguista, cidadá, liberal e demócrata das coruñesas de orixe ou adopción de antes da represión de 1936: Maruxa Miramontes, Elvira Bao ou Amparo López Jean.

Luisa Villalta é feminista e apela a mulleres e homes nos valores da igualdade. LV foi moi consciente da limitación que sofría como muller, como artista, literata e pensadora. E reivindicou a igualdade dende o traballo colectivo de todos e todas, chamando tamén a atención da necesidade de que os homes partillemos desta tarefa. 

Cousa que semella que ás veces todas e todos esquecemos. 

Intelectual, humanista, feminista, galeguista, artista, poeta, dramaturga, narradora, música, cidadá, patriota...muller, persoa. Luisa Villalta, a nosa estrela.