Opinión | Cifras e letras

Non vaia ser o demo

A palabra de moda desde hai algún tempo, son dúas: “intelixencia artificial”. Ás veces con apelidos, como o de xenerativa, e ás veces sen aditivos ou mesmo substituída por outras cuxa estrela perdeu certo brillo, como “deep learning”, ou aprendizaxe profunda en galego.  

A intelixencia artificial xenerativa é hoxe o obxecto do desexo das empresas, sobre todo daquelas que a desenvolven e que fan dela unha parte substancial e crecente do seu negocio. Tanto entusiasmo e expectativas hai, que os investimentos en IA e en todo o que a rodea, en particular naquilo que lle dá soporte, como son os datos e a supercomputación, non teñen comparación noutros ámbitos. Recentemente as megacorporacións tecnolóxicas Alphabet, Amazon, Meta e Microsoft -de momento outras como Apple só comezan a asomar a cabeza-, anunciaron investimentos duns 200.000 millóns de dólares para o ano no que andamos. moi superiores ás do ano pasado. Non son investimentos que vaian ser rendibilizados no curto prazo, desde logo, pero aquí estase apostando sobre todo para non quedar atrás.  

Invístese en infraestruturas de cómputo, de datos e de comunicación; en comprar empresas que despuntan, aínda que non teñan aínda clientes; e tamén en custos de persoal e de enerxía, ambos crecendo de modo disparatado. O caso é situarse á vangarda da IA, como ocorre agora cos modelos de linguaxe de gran escala ou LLM, polas súas iniciais en inglés. Diñeiro hai. Á fin e ao cabo, algunhas destas empresas teñen un valor de mercado superior ao PIB de España e contan con recursos como para comprarse todos os nosos bancos dunha tacada.  

Pero todo este frenesí de adquisicións e investimentos só será recompensado se o mercado responde polo menos en igual medida, e isto está por ver. Xa vimos no pasado exemplos de que non sempre é así. Temos algúns casos moi sonoros, como o da burbulla das puntocom no cambio de milenio ou, moi recentemente, a aposta da que foi Facebook polo Metaverso, que levou mesmo a cambiar o nome da compañía por Meta. De momento, iso si, o novo nome é todo o que sacou en limpo Mark Zuckerberg desta aposta.

Por suposto, ás veces as expectativas cúmprense. Pensemos na irrupción dos teléfonos móbiles, logo tamén intelixentes, ou na computación na nube. En todo caso, a resposta a se haberá retorno suficiente para todo este frenesí saberase sen que pasen moitos anos.

 Eu aventuro que non tanto como algúns especulan. Por unha banda, non imos pagar todos por todo. Por outra, pensar que moitas ferramentas e servizos poderán ser gratis ou case, xa que pagaremos cos nosos datos e non con euros, non se sosterá indefinidamente.

O diñeiro no mercado pode moverse de sitio, pero non crecer indefinidamente. Por iso sorprende que os investidores sigan disparando a calquera cousa que se mova no campo de tiro da IA. Quizais pensen aquilo de que “non vaia ser o demo”, como adoitaba dicir a miña avoa. Pero tamén dixo dalgún que pasou a mellor vida: “vaia o demo con el”.