Síguenos en redes sociales:

Premios Down Compostela: Pepa Lockhart pide eliminar estereotipos e prexuízos

Pepa Lockhart pide eliminar estereotipos e prexuízos na entrega dos Premios Down Compostela • “Somos persoas activas, con metas e aspiracións, que progresamos se se nos dá a oportunidade”, dixo a moza compostelá durante a gala // O presidente da Fundación agadeceu o traballo e exemplo dos galardoados e reclamou a necesidade de seguir apostando por unha educación inclusiva que garanta a incorporación ao mercado laboral ordinario do colectivo

Premios Down Compostela: Pepa Lockhart pide eliminar estereotipos e prexuízosAntonio Hernández

“Somos moito máis que estereotipos. Somos persoas activas, con metas e aspiracións, que progresamos se se nos da a oportunidade”, asegurou esta noite Pepa Lockhart

durante a gala de entrega dos premios Down Compostela, que xuntou a máis de 250 persoas no Hostal dos Reis Católicos, na que se recoñeceu o traballo de Burguer King, José María Fernández e a Escola de Música Play. A gala estivo presidida polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, conselleira de Sanidade, Fabiola García Martínez, e a deputada provincial Mila Castro.

A moza compostelá con síndrome de Down, que presentou a gala xunto a Susana López, asegurou que a “vida non está marcada polo xénero, a orixe, a idade nin a condición xenética” de cada persoa. Durante a gala coa que a Fundación conmemora o Día Mundial da Síndrome de Down, Pepa quixo “facer oír a voz” das persoas con trisomía 21 e “reclamar os nosos dereitos”.

Nun sentido similar se manifestou o presidente da Fundación, Juan Martínez, quen asegurou que para conseguir unha sociedade “máis igualitaria, máis xunta e máis próspera” é necesario “aproveitar as cualidades de cada persoa e buscar confluencias en vez de confrontacións”. Neste sentido agradeceu o traballo e o exemplo dos premiados pola Fundación, por darlles unha oportunidade as persoas con Síndrome de Down no eido laboral, musical e axudándolles a visibilizar todo o que poden

facer, “como demostrou na súa actuación desta noite a Escola de Música Play”. Juan Martínez quixo agradecer a aposta que fan moitos empresarios para contratar a persoas con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual. “Neste momentos, en Down Compostela temos a 18 persoas traballando, o 85% delas con contratos indefinidos”, asegurou o presidente. “Para que isto se poida manter nun futuro, e incluso incrementar, necesitamos que dende as administracións se aposte claramente por

unha educación inclusiva, dándolle a oportunidade non só as persoas con síndrome de Down, senón tamén ao resto do alumnado para que aprenda a convivir con persoas con capacidades diferentes”.

A Fundación Down Compostela recoñeceu este ano cos seus premios á empresa Burger King, polo seu firme compromiso coa integración laboral das persoas coa Síndrome de Down e discapacidade intelectual; á escola de música Play, por entender como poucos que o mundo da arte, neste caso o da interpretación musical, non ten fronteiras; e ao empresario José María Fernández ‘Chema’, pola súa inquebrantable compromiso coa familia Down desde o mesmo momento en que naceu Down Compostela, incluso un pouco antes.

Burger King

Desde 2019 a cadea de restaurantes asentada en Santiago vén apostando por ofrecer oportunidades laborais aos nosos usuarios. A día de hoxe Burger King ten contratados con carácter indefinido a tres mozos de Down Compostela: Álvaro, Alex e Fran. Contratos indefinidos firmados ademais en plena pandemia.

Escola de Música Play

Varios mozos de Down Compostela, pero tamén outros nenos e mozos con distintas discapacidades asisten semanalmente a recibir a súas ensinanzas na Escola de Música Play, xunto a outros compañeiros e compañeiras sen discapacidade. Clases de piano, guitarra, violín, frauta... E non só clases. Tamén concertos e múltiples actividades as que organiza o centro e onde as persoas con discapacidade son unha máis, como ocorre en calquera orquestra.

José María Fernández, ‘Chema’

Dono da xoiería Jael, José María Fernández ‘Chema’ amosou un apoio incondicional a Down Compostela desde a súa creación. Como empresario, poñendo á venda produtos como a pulseira solidaria en beneficio de Down Galicia, ou patrocinando actos e eventos deste movemento asociativo, e como máximo responsable da Fundación Santiago Centro, a asociación de comerciantes do Ensanche, contando con persoas con Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais como asistentes en diferentes actos públicos que organizan.

Pulsa para ver más contenido para ti