Arranca o Entroido co tradicional desfile do Meco e o pregón de Talía Teatro

O público poderá presencialos hoxe a partir das 20.00 horas no Toural // O martes será o día grande coa esperada cabalgata

Nenos e nenas celebrando o Carnaval no colexio Pío XII.

Nenos e nenas celebrando o Carnaval no colexio Pío XII. / Antonio Hernández

redacción

Despois duns anos cunha programación marcada pola pandemia, a capital galega da hoxe o pistoletazo de saída a un Entroido que recupera o desfile de disfraces. Este sábado, ás 20.00 horas, o Meco partirá da praza do Obradoiro acompañado polos Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño, ata quedar instalado no Pazo de Bendaña da praza do Toural, dende onte terá lugar o pregón de inicio das festas a cargo de Talía Teatro.

Antes, pola mañá, poderase ir abrindo boca cos obradoiros para os máis pequenos no Espazo Apego (11.00 horas e 12.30 horas) ou coa animación a cargo da Asociación Folclórica Colexiata do Sar que levará a música e os cantares de Entroido da comarca de Santiago polas rúas da cidade entre as 18.30 e as 20.00 horas.

O domingo 19 haberá animación de rúa dende as 10.30 horas coa comparsa Os Conformistas de Conxo e cos Entroidos de Vilariño de Conso e Santiago de Arriba (Chantada). Pola tarde tomará o relevo a comparsa A Ruliña de Laraño, acompañada pola charanga Europa.

Alumnado do colexio das Orfas disfrazado na praza do Obradoiro .

ECG / Alumnado do colexio das Orfas disfrazado na praza do Obradoiro .

A cita central da xornada será o Festival Infantil de Disfraces que, como é habitual, se celebrará na Sala Capitol e no que poderá participar calquera neno ou nena menor de 14 anos, con entrada libre e inscrición previa (entre as 16.30 h e as 17.45 h). Haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo. Os diferentes premios son doados por El Corte Inglés.

Os nenos e nenas serán tamén os protagonistas das propostas programadas para o luns 20 de febreiro. No CSC Maruxa e Coralia haberá obradoiros de máscaras divertidas entre as 10.00 e as 14.00 horas, con reserva de prazas no propio centro. Pola tarde tamén haberá pasarrúas coa charanga Bicoia e os Armatroulas de Laraño, dende a praza Roxa ata a rúa de San Pedro.

O día grande, o martes 21, celebrarase o agardado desfile de Entroido, que partirá da avenida de Ferrol ás 17.30 horas e que percorrerá as rúas Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e avenida de Xoán Carlos I. Ao remate do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20.00 horas será a entrega dos premios do desfile.

Xa ao día seguinte, o mércores 22 de febreiro, Santiago despedirá o Entroido coa Queima do Meco na praza Roxa, despois do seu desfile dende a praza do Toural pola rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador.

O desfile infantil de Entroido dos barrios das Fontiñas e de San Pedro este sábado, o Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla e o de Conxo, o sábado 25, serán algunhas das múltiples actividades que se celebrarán en Santiago nos vindeiros días.