María Rozas quere reactivar o Consello Municipal de Cooperación e Solidariedade

María Rozas cos representantes de diferentes ONGDs

María Rozas cos representantes de diferentes ONGDs / K.M.

Reactivar o Consello Municipal de Cooperación e Solidariedade, un órgano constituído no pasado mandato e que non se volveu reunir nesta lexislatura, é un dos compromisos manifestados pola candidata de Compostela Aberta á alcaldía da capital galega, María Rozas, durante o encontro mantido con representantes de organizacións non gubernamentais.

Na reunión, e segundo un comunicado da formación, reiterou a súa vontade de recuperar e darlle estabilidade ás convocatorias de axudas á cooperación “que o Goberno de Bugallo non foi quen de sacar adiante en todo o mandato”.

Para a tamén portavoz municipal de Compostela Aberta, “Santiago tén que volver ser o exemplo de solidariedade que foi durante o pasado mandato, e un lugar de referencia para as organizacións que traballan en prol do desenvolvemento e da defensa dos dereitos humanos”.

María Rozas mantivo onte unha xuntanza con representantes da Coordinadora Galega de ONGDs, de Agareso e do Movemento pola Paz, para explicar as propostas do seu partido en materia de cooperación ao desenvolvemento. Incidiu en que “o noso obxectivo é recuperar as iniciativas impulsadas durante o pasado mandato, que foron pioneiras, que estiveron acordadas coas entidades, e que o Goberno de Bugallo deixou esmorecer”, dixo.