CA defende o proxecto orixinal para a 2ª fase de Castrón Douro

María Rozas e Jorge Duarte mantiveron un encontro con residentes na zona

María Rozas e Jorge Duarte mantiveron un encontro con residentes na zona / ECG

ECG

Compostela Aberta (CA) reclámalle ao alcalde de Santiago “que non se deixe levar polas presas electoralistas e non faga rebaixas no proxecto da segunda fase da reurbanización de Castrón Douro”. A portavoz municipal, María Rozas, e o concelleiro Jorge Duarte mantiveron onte un encontro con residentes na zona, no que quedou constatado, din, que “o goberno local non falou coa veciñanza do proxecto que pretende licitar antes de maio, e que non solventará os problemas de accesibilidade das vivendas nin das inundacións”.

Para Rozas, “é unha tomadura de pelo que Bugallo non fixera nada en catro anos, e que agora se escude na suba dos prezos da construción para defender unha obra que non vai ser máis que un lavado de cara”. E engadiu que a proposta de equipo de goberno local “pasa pola repavimentación da rúa, sen acometer as rebaixas de cotas que estaban previstas no proxecto que deixou elaborado o goberno de CA para mellorar a accesibilidade nas vivendas e, ao tempo, para solventar os problemas de inundacións nesas casas”.