Síguenos en redes sociales:

Un ciclo para gozar dos órganos históricos de Compostela

Concertos, espazos de conversa e cinema mudo con música en directo en Numax para desfrutar do instrumento en Semana Santa

Un ciclo para gozar dos órganos históricos de Compostela

Compostela posúe un extraordinario patrimonio de órganos históricos e a Semana Santa é a data elixida para poder gozar deles. O Concello presentou onte a nova edición do ciclo De Lugares e Órganos, que se desenvolverá entre o 31 de marzo e o 8 de abril. Concertos, espazos de conversa, un itinerario musical e a proxección da película de cinema mudo Shoes con música ao vivo na sala NUMAX conforman a programación desta edición.

O órgano “é o gran referente harmónico que existe no noso patrimonio” xa que “forma parte, máis que ningún outro, da historia sonora de Compostela”, salientou onte a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, durante a rolda de prensa para presentar a nova edición do ciclo. A directora artística do programa, Belén Bermejo, explicou que o propósito da programación é “achegar públicos amplos a este descoñecido e ao tempo fascinante instrumento, do que Compostela posúe magníficos elementos exemplarmente restaurados”.

O primeiro dos concertos terá lugar o día 31 de marzo en San Paio de Antealtares, da man do coruñés afincado en Ámsterdam Enrique López-Cortón, cantante, director de grupos vocais e organista, que dirixirá a Capella Sancta Maria, para interpretar un programa de músicas procedentes de mosteiros femininos ou compostas e arranxadas para seren cantadas polas freiras.

O día 2 terá o grupo La Tasteggiata, unha formación integrada por Tobie Miller, Marco Ambrosini e Eva-Maria Rusche, interpretará un programa de música barroca, Notas roubadas, cunha combinación instrumental pouco usual de zanfona, nyckelharpa, órgano portativo e espineta. Será na igrexa do Pazo de San Lourenzo, un espazo no que existe un valioso órgano aínda sen restaurar. O concerto irá precedido dun espazo de peparación para a escoita e conversa cos intérpretes. O día 3 será a quenda do órgano de Santa Clara, no que a organista Eva-María Rusche interpretará un programa integrado por pezas compostas arredor do himno do Page Lingua, xunto a sonatas da chiesa de coñecidos autores. Pechará o ciclo o día 8, na Igrexa da Universidade, Alejandra Escolante, unha das máis prezadas organistas do panorama musical galego, que actuará xunto cos membros do Quinteto InVento.

De Lugares e Órganos ofrece ademais as Matinés 20’ . Terá lugar na mañá do xoves 6 na Igrexa da Universidade da man da compostelá Marta López, profesora de clave do Conservatorio de Pontevedra, que interpretará un repertorio da súa escolla. Con ela poderase falar sobre o seu oficio, experiencia e práctica como organista. O día 5 haberá un roteiro pola cidade, arredor da figura do organeiro Mariano Tafall, no que se percorrerán diferentes fitos relacionados coa biografía.

A programación complétase, na súa sección O órgano sae á rúa, coa proxección, na sala Numax, da película de cinema mudo Shoes, da directora Lois Weber, que será acompañada de música ao vivo interpretada polo guitarrista Rafa Fernández e Alex Salgueiro, ao órgano Hammond.

De balde

As entradas para actividades e concertos son de balde, mais cómpre retirar invitación no despacho de billetes da Zona C., xa desde onte. De non se esgotaren, tamén se poderán recoller o propio día da actividade no lugar onde esta se celebre desde unha hora antes do seu comezo. As entradas para a proxección na Numax poderán recollerse no despacho de billetes do cine ou na web numax.org e teñen un prezo de catro euros.

Pulsa para ver más contenido para ti