A exposición ‘O debuxo na colección Abanca’ recolle 107 obras de 16 creadores na sede da Praza de Cervantes

Ata o 30 de setembro amosa traballos de artistas como Castelao, Díaz Pardo, Laxeiro ou Seoane

‘Apoteosis de Sabrina’, de Brocos.

‘Apoteosis de Sabrina’, de Brocos. / k.m.

A exposición O debuxo na Colección Abanca, que ofrece un achegamento global a esta modalidade artística a través dunha selección de 107 debuxos dos máis de 400 que forman parte do fondo artístico do banco, permanecerá aberta ata o 30 de setembro no Centro Obra Social da compostelá Praza de Cervantes.

Na mostra están representados 16 creadores, fundamentalmente galegos, entre os que destacan figuras con amplo recoñecemento na historia da arte galega, como Castelao, Isidoro Brocos, Francisco Lloréns, Isaac Díaz Pardo, Arturo Souto, Laxeiro ou Luís Seoane.

A mostra está estruturada en tres partes, en función do tipo de debuxo. En primeiro lugar, recóllense unha gran serie de debuxos que teñen valor como obras definitivas. É o caso das obras de Castelao, unha selección da serie de 175 debuxos que foron publicados orixinalmente no diario Galicia de Vigo entre 1924 e 1925. En segundo lugar, móstranse debuxos que son apuntamentos, bosquexos ou estudos de academia. Neste bloque atópanse, por exemplo, os apuntamentos de viaxe realizados por Isidoro Brocos ou Francisco Lloréns. Por último, exhíbense debuxos preparatorios de obras maiores, como os da serie de Palomares de Jorge Castillo.

O achegamento á arte do debuxo complétase con información sobre a técnica e os materiais utilizados polos artistas, como poden ser lapis, plumas, ceras, carbón, pasteis, pigmentos e xices, entre outros, aos que debemos sumar todas as superficies sobre as que é posible debuxar, entre elas papeis diversos, cartón, teas, etc.

O espectador que visite a mostra poderá ter unha visión moi ampla e de gran riqueza sobre esta modalidade artística.