Verea propón cubrir varios parques infantís para que os nenos poidan utilizalos todo o ano

O candidato á Alcaldía polo PP apunta que a maior parte destes espazos na cidade carecen de zonas que se poidan empregar nos días de chuvia // Presenta un plan concreto para a Praza da Constitución

Infografía da cuberta que propón para o parque da Praza da Constitución o candidato do Partido Popular á Alcaldía de Santiago, Borja Verea.

Infografía da cuberta que propón para o parque da Praza da Constitución o candidato do Partido Popular á Alcaldía de Santiago, Borja Verea. / JACOBO TÁBOAS

O candidato á Alcaldía polo Partido Popular de Santiago asegurou onte que se os veciños lle dan a súa confianza o vindeiro 28 de maio iniciará os trámites necesarios para cubrir varios parques infantís da cidade, comezando polo da Praza da Constitución, unha actuación “moi necesaria”, dixo, “debido, sobre todo, á climatoloxía da capital de Galicia, cun importante número de días de chuvia e vento ao ano que impiden o uso e desfrute destes espazos”.

Borja Verea apuntou que en Santiago existen na actualidade 87 parques infantís, “pero case todos eles carecen de zonas que se poidan empregar nos días de chuvia”, polo que considera imprescindible que se leve a cabo un Plan para cubrir estas áreas, co fin de que sexa posible desfrutar deles todo o ano, independentemente do tempo climatolóxico que se produza. “Estamos a falar de infraestructuras xa instaladas en moitos concellos de Galicia, e aquí non hai nin unha soa. Suporían unha mellora significativa no ocio dos máis cativos, e non son obras imposibles de levar a cabo, como todo o que se lle plantexa ao actual goberno”, indicou o presidente do PP compostelán.

Para o candidato popular á Alcaldía, “é necesaria unha especial atención á infancia, con espazos chamativos para as crianzas”. “Non podemos esperar que Santiago sexa un polo atractivo para as familias cando non existen lugares ou elementos para eles”, engadiu Verea, antes de lamentar que durante estes anos “non se levasen a cabo accións que amosasen preocupación polos rapaces e as súas familias por parte dos últimos gobernos”.

Nese senso, destacou ademais a urxencia de renovar gran parte dos parques existentes na capital de Galicia, porque “son moitos os que se atopan en malas condicións, con elementos deteriorados ou escasos, ademais de moitos outros totalmente inutilizables”. Fixo fincapé tamén na falta de instalacións en barrios onde aumentou o número de cativos, como en Santa Marta, “unha zona onde o número de familias medrou exponencialmente e sen embargo os espazos de lecer para os máis pequenos brilan pola súa ausencia, polo que é necesario revisar non só os parques que xa existen, senón habilitar novos espazos”.

Para elo, sinala que habería que levar a cabo un programa de modernización e posta a punto da totalidade dos parques infantís municipais, “co fin de mellorar as súas condicións e garantir o cumprimento das medidas de hixiene, seguridade, accesibilidade e inclusión deste tipo de instalacións”.

Así mesmo, Verea sinalou a importancia de instalar zonas infantís móbiles en espazos do Casco Histórico, “onde non hai nin un só parque”, sinalou. “Se queremos que os santiagueses recuperen o protagonismo na zona vella, temos que apostar por unha cidade máis humana, máis amable e sobre todo máis familiar, e para iso debemos dotar Santiago deste tipo de equipamentos. A cidade histórica ten que volver encherse de familias compostelás, e debemos empezar por atraer aos máis pequenos”, afirmou o candidato do PP en Compostela nas eleccións municipais do 28-M. Ademais, incidiu en que a capital galega “nunca será unha cidade atractiva para as familias se desde o Goberno municipal non se fan políticas neste senso”. “Temos que deixar atrás as políticas antigas e obsoletas dos actuais dirixentes municipais e poñer en marcha medidas que volvan traer a esas familias que fuxiron da cidade”, sinalou Verea.

TEMAS