O BNG propón substituír o edificio da Casa da Xuventude por un pórtico cara a Belvís

Goretti Sanmartín insta ao alcalde a revogar o acordo de cesión dese espazo á Deputación

Goretti Sanmartín xunto a Iago Lestegás e Alexandre Garrido

Goretti Sanmartín xunto a Iago Lestegás e Alexandre Garrido / redacción

Redacción

A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou onte a proposta do BNG Pórtico de Belvís para a praza do Matadoiro, acompañada de Iago Lestegás e de Alexandre Garrido, integrantes da candidatura. “Esta proposta significa recuperar o paso a Belvís cunha praza aberta e cuberta ao parque, que sexa o pórtico ao espazo natural polo que discorre o regato do Cancelón”, indicou.

Definiu o Pórtico de Belvís como unha medida para mellorar a cidade “cunha afectación mínima e cunha intervención non agresiva para crear un espazo diáfano que consegue a unión, combinando a posibilidade de ter unha praza aberta ao parque de Belvís, con opción de usos para colectivos, que se complementa coa oferta dun local céntrico da cidade para que o asociacionismo compostelán teña unha alternativa global”.

Considera que recuperar a servidume na contorna do río “é unha obriga da administración” e esta alternativa do BNG favorece o tránsito desde a zona vella e Virxe da Cerca para entrar directamente ao parque e viceversa, “de tal maneira que fai realidade unha petición histórica de ter un acceso peonil accesíbel cara ao mercado desde As Fontiñas, San Pedro ou mesmo San Lázaro, sen as dificultades de acceso polo Canellón da Tafona”, indicou, coa unión da cidade histórica con San Pedro e a vertebración de diferentes espazos da cidade. En definitiva, comentou que a proposta reúne “os intereses dos colectivos, da veciñanza, de accesibilidade, de cumprimento das normas ambientais, de integración paisaxística e coidado arquitectónico”.

A actuación implica a eliminación do edificio da Casa da Xuventude e a súa substitución por un espazo aberto cuberto de algo máis de 600 metros cadrados de superficie, a modo de pórtico, que oculte as traseiras da rúa de San Pedro cunha parede que contén espazos para gardar material como mesas e cadeiras, e se abra á praza do Matadoiro, ao rego do Cancelón e ao parque de Belvís. Entre este pórtico e o rego quedará libre a zona de servidume deste cauce, de cinco metros de anchura, pola que se entrará ao parque ao longo dunha rampla accesíbel. Tamén se poderá acceder ao parque desde a praza a través do propio pórtico, que resolve a diferenza de cota cunha escaleira. Así o explican nun comunicado de prensa.

Sanmartín tamén trasladou a posición do BNG sobre a alternativa do PSOE de ceder 25 anos a Casa da Xuventude á Deputación para que esta teña un edificio administrativo. “Mentres tanto, o Concello ten locais alugados para as súas necesidades administrativas en vez de telos en propiedade”, dixo. Neste sentido, pídelle ao goberno local “que dea marcha atrás”.