"O mundo é aquí": o BNG de Santiago avanza o seu videoclip de campaña de cara ao 28M

A canción que acompaña as imaxes apela á chegada dun tempo novo con Goretti Sanmartín á cabeza e o lema "Santiago merece máis"

Avance do videoclip de campaña do BNG de Santiago de cara ao 28M

ECG

ECG

O BNG de Santiago vén de lanzar nas redes sociais un avance do videoclip de campaña titulado “O mundo é aquí”, cunha canción que impregna de sensacións sobre o inicio de algo novo, con esperanza e apelando ao futuro de Santiago de Compostela en alusión á chegada do equipo liderado por Goretti Sanmartín ao Goberno municipal. A canción, que se pode ver nas redes sociais do BNG de Santiago de Compostela, introduce o lema "Santiago merece máis" e diríxese ás persoas “co corazón en Compostela”. O videoclip completo estrearase ao inicio da campaña electoral.

No texto da canción achéganse as ideas de recuperar as rúas, a forza e a emoción dun tempo novo que chega para transformar Santiago de Compostela. Na parte gráfica, dirixida á mocidade sae unha foliada na que bailan e tocan artistas locais e a candidatura do BNG, ademais de introducir as ideas da transmisión xeracional a través dos fíos que van das persoas de idade ás máis novas, do deporte e da creatividade.

A canción conta coa participación de integrantes da candidatura e de artistas locais como Iago Lestegás, Navia Rivas, Xavier Castro, Natalia, Elisa, Aldara Palmeiro Pazos, Tomé X. Mouriño, Marina Pérez Toro e Xacobe Varela. A composición está realizada por Andrea e Inés e foi gravada e mesturada no estudo A Ponte, por Tomás Ageitos.