Esta é a folla de ruta asinada polo Foro Cívico cos catro candidatos á Alcaldía de Santiago

As forzas políticas e os axentes sociais e empresariais comprometéronse a buscar canles de colaboración para tratar de acadar un consenso nos temas cruciais para a cidade

Sinatura da folla de ruta do Foro Cívico este mércores na Cámara de Comercio de Santiago

Sinatura da folla de ruta do Foro Cívico este mércores na Cámara de Comercio de Santiago / Cámara de Comercio

Redacción

O Foro Cívico de Compostela acadou no día de hoxe a firma dun novo acordo entre os candidatos con representación municipal de cara á vindeira lexislatura que vén reforzar os do ano 2019. A sinatura tivo lugar nas instalacións da Cámara de Comercio de Santiago. Ademais de representantes do Foro Cívico, no acto estiveron presentes o candidato socialista, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; a candidata do Grupo Municipal de Compostela Aberta, María Rozas Pérez; Borja Verea Fraiz, candidato do PP ao Concello de Santiago e a candidata do BNG, Goretti Sanmartín Rei.

O Foro Cívico de Compostela considera que, de cara ao novo mandato municipal, ademais dos temas xa recollidos no documento asinado no 2019 --que se atopan na súa maioría en fase de execución e respecto dos cales seguirá a facerse seguemento--, existen outros asuntos de capital importancia para a cidade e que son esenciais no presente e o futuro desta e que ademais, afirman desde o Foro Cívico, deben quedar fóra da disputa partidaria, xa que transcenden a unha única lexislatura. Por iso, consideran que se precisa unha toma de posicionamento sobre estes asuntos estratéxicos para a cidade, en especial das forzas políticas con representación municipal, e co apoio de todos os colectivos que constitúen o Foro Cívico de Compostela.

Foto de familia trala sinatura da folla de ruta do Foro Cívico de Santiago na Cámara de Comercio

Foto de familia trala sinatura da folla de ruta do Foro Cívico de Santiago na Cámara de Comercio / Cámara de Comercio

Eses asuntos que as forzas políticas representadas se comprometeron a apoiar co liderado do alcalde ou alcaldesa que resulte elexido/a nas próximas eleccións municipais da cidade, a fin de conseguir esa unidade de acción que se proclama e a defensa ante as administracións públicas competentes, son os seguintes:

Hospital clínico

No primeiro lugar destes asuntos cruciais recollidos no compromiso asinado, está o dimensionamento e planificación do espazo destinado ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, que no plan actual se revela insuficiente constituíndo non só un problema de futuro, senón xa de presente, sendo as dispoñibilidades actuais claramente insuficientes para dar cabida ás necesidades da área sanitaria de Santiago e Barbanza, cunha poboación aproximada de 450.000 habitantes. Este problema, non só de aparcamento, verase seriamente agravado cando o proxecto de ampliación do CHUS sexa unha realidade en 2026. Por tanto, o Foro Cívico soliciou aos grupos municipais sentar as bases para atopar unha posible solución ao caos circulatorio e de aparcamento do recinto hospitalario e ás necesidades de ampliación de futuro.

O problema da vivenda

Outro dos temas centrais para os próximos catro anos, segundo o Foro Cívico, é a adopción das medidas necesarias para dar solución ao problema da falta de vivenda, co obxectivo de evitar que se produza un incesante fluxo migratorio poboacional a outros municipios onde a vivenda é máis accesible. Para iso é preciso, segundo esta folla de ruta, medidas encamiñadas a abaratar os custos dos inmobles postos á venda, a construcción de vivendas de protección oficial (VPO), o establecemento dunha oferta de alugueiro tradicional a prezos alcanzables e a rehabilitación e dinamización do parque de vivendas baleiras -especialmente no Centro histórico-.

Ciclo integral da auga

O servizo do ciclo integral da auga é unha das prioridades sinaladas de cara á nova lexislatura, de forma que as forzas políticas municipais cheguen a un consenso sobre asnecesidades en materia de xestión e investimento neste servizo público e, en consecuencia, do modelo máis eficiente para a xestión deste, de forma que queden garantidas a realización e financiamento dos investimentos necesarios para a renovación e mellora da infraestrutura da rede de saneamento e abastecemento -estendéndoa a zonas, principalmente do rural, onde aínda non existe- e a prestación óptima do servizo en termos de calidade e economía.

Viabilidade da estación de ferrocarril de mercadorías

Entende o Foro Cívico que a localización da estación de ferrocarril de mercadorías no parque empresarial da Sionlla serviría para que a cidade mellore as súas infraestruturas de cara a conseguir unha mellor mobilidade das mercadorías (especialmente de graneis brutos e produtos forestais) o que constituirá un incentivo para consolidar a industria existente e atraer a instalación de novas industrias.

Industrialización

A cidade carece de solo industrial, segundo o Foro Cívico, "destinándose a maior parte do dispoñible nos polígonos industriais a actividades comerciais ou terciarias". Por iso o Foro Cívico considera que resulta fundamental o desenvolvemento de políticas activas que favorezan a seguridade xurídica, o abaratamento do custo do solo, a súa programación e planificación a medio e longo prazo, a flexibilización e axilización dos trámites burocráticos necesarios -con especial referencia ás licenzas urbanísticas- e a posta en marcha de incentivos e beneficios fiscais que favorezan a idea de Santiago como unha cidade “friendly” para a atracción de investimentos. Como punta de lanza de todas estas políticas públicas, resulta tamén fundamental a creación dunha oficina de captación de investimentos, de colaboración pública-privada, de acordo co modelo testado e liderado polas Cámaras de Comercio, co obxectivo de, entre outros, atraer, facilitar e acelerar o investimento nacional e estranxeiro a Santiago de Compostela, xerando así riqueza e emprego de calidade na cidade e contribuír ao desenvolvemento do seu tecido económico.

Turismo sustentable

O Foro Cívico propón tamén un compromiso co deseño dunha xestión e promoción turística sustentable de cara aos próximos anos, con especial atención aos Anos Santos, que inclúa a propia visión, desde a entidade municipal, tanto da promoción e xestión, ás necesidades e aos esforzos para alcanzar os obxectivos, como a proposición e valoración que poida ter ou facer o resto de Administracións (Autonómica e Estatal), promovendo un permanente e estable intercambio interadministrativo de propostas que deba incluír unha análise estatística que valore a oportunidade e acerto das programacións e investimentos antecedentes.