Goretti Sanmartín presenta as medidas do BNG para o primeiro ano de goberno despois do 28M

Tamén avanzou os eixos prioritarios da estrutura gobernativa nacionalista como a transversalidade das políticas feministas, a aposta polas diversidades, transparencia, accesibilidade ou defensa da lingua

A candidata a Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, xunto ao resto da candidatura do BNG ás municipais

A candidata a Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, xunto ao resto da candidatura do BNG ás municipais / BNG

ECG

A candidata á Alcaldía Goretti Sanmartín presentou nun acto público as medidas para desenvolver no primeiro ano de goberno e os eixos da estrutura de goberno, nun acto en que asistiron integrantes da lista do BNG que concorre ás eleccións do vindeiro domingo 28 de marzo. No decálogo de medidas, a candidata nacionalista destacou que para fixar poboación na cidade histórica asinará un pacto para sumar todas as forzas, “para que sexa o corazón que late con forza, con vida, con veciñas e veciños”.

Como seguinte punto destacou a realización dun estudo para desenvolver as intervencións necesarias no camiño da accesibilidade universal.

Comprometeuse tamén a practicar “a escoita activa”, coa convocatoria de todos os consellos de participación cidadáe recepción das entidades e colectivos sociais.

En canto ao "grave problema da vivenda", o BNG iniciará o proceso de rehabilitación e dinamización da vivenda baleira. “Concretamente, tomaremos a decisión sobre a parcela de Peleteiro apostando como primeira opción porque a Sareb ceda a parcela ao Concello para construír vivenda de protección oficial, para alén de dotacións culturais e deportivas e unha praza pública”, explicou, ademais das xestións para a adquisición de locais para vivenda en alugueiro social e comercios de interese público.

“Executaremos un plan de mantemento de barrios e parroquias con revisións dos pasos de peóns e medidas de seguranza viaria, fochancas e pavimento de estradas e beirarrúas”, afirmou.

“Fronte á etapa dos autobuses ardendo e un transporte colectivo lamentábel, adaptaremos o contrato de transporte ao novo PMUS, garantindo en calquera caso frecuencias regulares a todas as parroquias do rural, bus nocturno, frecuencias suficientes en fins de semana e festivos e autobuses que cheguen ás zonas elevadas dos barrios con dificultades de acceso”, explicou.

En materia educativa e de conciliación, destacou que avanzará cara a un novo modelo de comedores escolares. “De maneira inmediata, poremos en marcha un plan piloto en dous centros e ofertaremos actividades extraescolares aos centros educativos. Conseguiremos que os colecamiños sexan verdadeiros espazos seguros de mobilidade con implicación de diferentes axentes da cidade”.

Ademais, comprometeuse a iniciar os pasos para dotar Compostela dunha Factoría cultural e converter a nosa cidade na Plataforma de difusión da cultura galega.

No ámbito do deporte, o BNG impulsará no primeiro ano un plan de coordinación de uso das instalacións deportivas.

“Finalmente neste primeiro paquete de medidas, desde a preferencia pola xestión directa, obteremos os informes económicos e xurídicos co debido contraste para tomar unha decisión sobre o modelo de xestión da auga, como primeiro paso para un gran proxecto sobre a auga que incluirá o tratamento dos ríos e do patrimonio vinculado”, explicou a candidata.

Eixos da estrutura de goberno

Goretti Sanmartín avanzou tamén os eixos da estrutura de goberno que comezará tralas eleccións do 28M, da que destacou que a transversalidade de políticas feministas, de aposta polas diversidades (funcionais, de idade e de identidades), transparencia, accesibilidade, compromiso cos dereitos civís e de defensa da lingua, participación cidadá e modernización administrativa, que serán unha prioridade.

Así, referiuse ás cinco grandes áreas que conformará, relativas á Transformación urbana (cidade histórica, vivenda e urbanismo, mobilidade e obras), sustentabilidade ambiental e territorial (Medio -compostaxe, recollida e tratamento de residuos, xestión do ciclo da auga, emerxencia climática, loita contra os incendios-, barrios e cohesión territorial, rural e defensa dos dereitos dos animais), Capital cultural e proxección internacional (patrimonio, cultura, memoria, diversificación turística, centros socioculturais, relacións institucionais e turismo), Dinamización económica e innovación ( facenda, Persoal, creación de emprego, oficina de información de recursos e fondos, oficina de captación de fondos europeos, oficina de captación de investimentos industriais, portelo único e capital do comercio) e Coidado das persoas (deportes, saúde, servizos sociais, educación e conciliación).

“Temos proxecto, temos ganas e temos equipo para comezar a traballar desde o primeiro momento, por iso pedimos unha oportunidade, porque é o momento do BNG e imos ter un resultado histórico, polo que queda un último esforzo de mobilización e para facer un chamamento ás persoas indecisas para que nos dean un voto de confianza”, concluíu a candidata á Alcaldía do BNG.