Goretti Sanmartín: “Conseguiremos que a mellora da accesibilidade sexa unha prioridade”

Será prioridade para o BNG avanzar en políticas de mobilidade

Goretti Sanmartín, esquerda, no encontro con membros de Cogami.

Goretti Sanmartín, esquerda, no encontro con membros de Cogami. / k.m.

k.m.

A candidata Goretti Sanmartín, xunto a Míriam Louzao e de Pilar Lueiro, visitaron a sede de Cogami, para presentarlles as iniciativas do BNG que se van desenvolver a partir do 28M co BNG na Alcaldía de Santiago, e para recoller as súas propostas no ámbito da accesibilidade e inclusión laboral de persoas con diversidades funcionais.

O BNG comprométese a buscar solucións aos problemas de mobilidade existentes para as persoas con diversidades, a comezar pola accesibilidade universal, para garantir o dereito de todas as persoas a usar transporte público e pasear pola cidade “porque é un valor que repercute en toda a sociedade”, segundo sinalou a cabeza de lista do Bloque.

Será prioridade para o BNG avanzar en políticas de mobilidade que inclúan a accesibilidade no espazo público desde unha perspectiva integral a través da supresión das barreiras arquitectónicas e sensoriais que impiden ou dificultan os desprazamentos, incidindo na calidade de vida das persoas.

Ademais, o BNG promoverá un programa de dotación de ascensores, accesibilidade universal en edificios e nas novas obras públicas, e planificará un programa de accesibilidade con rebaixes de beirarrúas nos pasos de peóns, pintado de novos pasos de peóns e instalacións de marquesiñas de autobús con información máis lexíbel. Así, anunciou a instalación de ascensores e rampas mecánicas en lugares como a Almáciga, Batalla de Clavijo ou nas escaleiras do Aturuxo.

“Non ten sentido que se realicen grandes investimentos en obras públicas como as dos Concheiros, que non cumpren en accesibilidade para persoas cegas, nin nas obras de Laraño”, indicou. Comprometeuse a favorecer a existencia de maior número de eurotaxis funcionando e que os taxis adaptados sexan unha realidade na capital de Galiza e que garantan este servizo a persoas con diversidade funcional.