Goretti Sanmartín aposta por abrir as portas do Concello para ter en conta o que di a veciñanza

Propón activar os consellos de participación cidadá // Deseñará, en conxunto, un plan plurianual de infraestruturas en barrios e parroquias

Goretti Sanmartín, candidata do BNG á Alcaldía de Compostela

Goretti Sanmartín, candidata do BNG á Alcaldía de Compostela / BNG

Redacción

A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, comprométese a abrir as portas do Concello ao diálogo, á participación e á transparencia, coa activación dos consellos de participación cidadá, para tomar as decisións estratéxicas contando coa veciñanza e vinculando as administracións como lle corresponde á capital de Galicia. “Queremos implicar a veciñanza no proxecto de transformación do Concello de Santiago de Compostela porque ten que ser colectivo, desenvolvido man a man entre todos os axentes implicados, as persoas, as entidades e o propio concello”, explicou a candidata. “Confiamos na participación cidadá, na enerxía colectiva, no potencial dinamizador e transformador da iniciativa social para aplicar o noso modelo de concello”, engadiu. Por este motivo, dende o seu partido consideran fundamental a creación de novos espazos para a relación social e a convivencia, “porque é aí onde se xeran as iniciativas colectivas que impulsan un concello dinámico, integrador e con enerxía social”.

Propoñen que a coparticipación e a corresponsabilidade na toma de decisións serán eixos sobre os que se asentará a acción de goberno, tanto no ámbito urbano como rural de Compostela, co obxectivo de fortalecer o movemento asociativo de maneira que xere proxectos autónomos e incremente ao tempo a súa relación co Concello.

O BNG asume o compromiso de implementar e activar novos mecanismos de participación tanto no nivel sectorial como territorial, coa dinamización dos consellos de participación que ficaron esquecidos na última década e coa posta en marcha doutros novos cunha revisión do regulamento para favorecer a súa utilidade, regularidade, representatividade e interese social.

Tamén se compromete a garantir a participación consultiva dos consellos sectoriais na definición dos plans de axudas, orzamentos e no deseño dos pregos de cláusulas de contratación desas áreas. O BNG propón aplicar un novo modelo de orzamentos participativos para os investimentos nos barrios, cultura, lingua, educación e servizos sociais. Ademais, Goretti Sanmartín deseñará un plan plurianual de infraestruturas e melloras necesarias nos distintos barrios e parroquias coa intervención e decisión directa do Consello de Relacións Veciñais na priorización dos investimentos.

Outra das propostas nesta materia é trasladar publicamente os proxectos de obras públicas á veciñanza afectada, “de xeito que teñan coñecemento efectivo das súas características, así como do seu cronograma de execución, garantindo dese xeito a participación veciñal para minimizar as molestias derivadas da realización das obras e optimizar o resultado final”. Para o BNG é fundamental fomentar o asociacionismo, primar as iniciativas conxuntas das entidades da cidade e actividade dirixida a favorecer o intercambio, cooperación e o fortalamento do tecido asociativo. Todo isto farase efectivo no caso de que Sanmartín consiga chegar á Álcaldía tras as eleccións municipais do vindeiro 28 de maio.

Na axenda deste luns a candidata do BNG a gobernar Compostela manterá un encontro con representantes de Cogami, acompañada de Míriam Louzao e de Pilar Lueiro. A maiores, participará nun debate organizado pola Plataforma de Pensionistas.