Pacto de goberno en Santiago: María Rozas será primeira tenenta de alcalde

O reparto de áreas e o programa de goberno non o presentarán ata a próxima semana, logo da toma de posesión de mañá

Pacto de goberno entre o BNG e CA

Javier Rosende Novo

Goretti Sanmartín (BNG) e María Rozas (Compostela Aberta) asinaron hoxe de xeito simbólico ante os medios o seu acordo de goberno e os eixos transversais do seu programa. Rozas será a primeira tenenta de alcaldes mais o reparto de áreas e o programa de goberno non o presentarán ata a próxima semana, logo da toma de posesiòn de mañá.

"Anunciamos un acordo para un goberno transformador de Compostela coas persoas no centro". Así comezaba a súa comparecencia ante a prensa a primeira alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que insistiu en afirmar que os oito concelleiros e concelleiras que van constituír unha corporación municipal en minoría "están preparados e preparadas para darlle á cidade un goberno estable dende o primeiro momento, sólido e cohesionado".

Tanto Sanmartín coma Rozas coincidiron en reafirmar que "a vontade das urnas foi ade que Compostela teña un goberno de esquerdas, diverso e plural". A candidata do BNG lamentou a declinación do Partido Socialista (PSdeG) a integrarse no equipo, "é unha decisión partidaria pero as portas están abertas se nalgún momento da lexislatura queren entrar a formar parte deste goberno".

Na comparecencia, as líderes de BNG e CA deron lectura conxunta aos eixos do goberno que van emprender dende este sábado, e que vertebran o programa que debullarán a partir da próxima semana. Seis cuestións transversais que afectan en primeiro lugar ao "impulso do feminismo e da igualdade", en todas as áreas de goberno e "a garantía dos dereitos sociais para todas as persoas poñéndoas no centro das políticas públicas", en segundo lugar.

O fomento do emprego de calidade, a conciliación e a diversificación económica aproveitando as sinerxías coa Universidade de Santiago (USC) é outro dos puntos deste acordo, así como a adopción de medidas en favor da "sustentabilidade e a naturalización dos espazos urbanos para situar a Santiago á vangarda contra o cambio climático". O rural, exercer como capital do país "intensificando a promoción da lingua e dos sinais nacionais de identidade de pobo galego", xunto o traballo en colaboración con outras administracións, institucións e tecido asociativo son outros dos eixos vertebradores do acordo.