A maior edición de O Son do Camiño

O festival do Monte do Gozo, que este ano incorpora como novidades dous escenarios principais, un para música tecno e unha noria de 30 metros de altura, conta reunir unhas 126.000 persoas para ver os máis de 40 artistas que ofrecerán concertos os días 15, 16 e 17 de xuño

Bizarrap

Bizarrap / Ana Triñáns

A Sala Xacobea do Monte do Gozo acolleu ao mediodía de onte a presentación do programa do festival O Son do Camiño, que decorrerá os días 15, 16 e 17 de xuño co maior cartel da súa historia, unha corentena de artistas para a súa cuarta edición, que esgotou os abonos antes incluso de publicar os músicos que acudirían este ano. Na presentación participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor; Ramón de Meer, de Estrella Galicia; e Kin Martínez e Iván Méndez, de EsmerArte & Old Navy, a UTE (Unión Temporal de Empresas) organizadora do evento.

Bizarrap, Alt-J, Leiva, Maluma, The Kooks, Mora, Aitana, Royal Blood ou Duki son algúns dos cabezas de cartel desta IV edición de O Son do Camiño, que este ano incorpora unha serie de novidades, entre elas a instalación dunha noria de 30 metros de altura e capacidade para 96 persoas, situada de tal xeito que os que suban á atracción terán unha visión panorámica de todo o espazo do festival. Desde a organización agárdase que este feito impulse un interesante movemento nas redes sociais do público asistente. Xunto ás figuras internacionais estarán tamén artistas galegos como Xoel López, Fillas de Cassandra, Galician Army ou Sila Lúa.

A maior edición de O Son do Camiño

Maluma / Ana Triñáns

Outras das novidades da edición deste ano, que Iván Méndez e Kin Martínez, de EsmerArte & Old Navy, debullaron durante a roda de prensa, é o cambio da configuración da contorna na que se desenvolve o festival, o anfiteatro do Monte do Gozo. Este ano, por primeira vez haberá dous escenarios principais, polo que “acabará un concerto e comezará o seguinte sen pausa”, explicaba Iván Méndez, “e un terceiro escenario para música electrónica, na busca dunha programación moi ecléctica que chegue a unha grande masa”. Este novo deseño do espazo mudará a circulación dentro do festival, que en lugar de ser lateral, coma nas edicións anteriores, pasará a ser vertical (de arriba a abaixo) de modo que desde calquera lugar se poderá atender os dous escenarios principais.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e próxima alcaldesa de Ponteareas a partir do día 17 de xuño, destacou do evento que reúna “a máis de 40 artistas, moitos deles chegarán por primeira vez a Galicia”. Para Castro, O Son do Camiño dille “a España e ao mundo que Galiza está preparada tamén para o turismo de festivais”, porque este, indica “é un exemplo de calidade, excelencia e sostibilidade”. E sobre este aspecto, tamén incidiu Ramón de Meer, en representación de Estrella Galicia que este ano terá cervexaría propia no festival, “queremos generar un impacto positivo, con retos relacionados con la movilidad, a través de aplicaciones móviles, creando retos y regalando bicicletas eléctricas, por ejemplo”. De Meer tamén falou da súa marca de auga, Auara, e indicou que o que se consuma desta bebida no festival “está ligado a la creación de pozos en países que lo necesitan”.

Kin Martínez, de EsmerArte & Old Navy, quixo destacar que cada día de festival se agardan 42.000 persoas, un total de 126.000, e especificou que “en especial para o sábado, co concerto de Aitana, esperamos que acudan menores” e por iso a través da web se creou un “rexistro e control parental, e informamos a través do correo electrónico aos pais de todo o procedemento”, aclarou.

A maior edición de O Son do Camiño

Fillas de Cassandra / Ana Triñáns

Martínez quixo facer balance destas catro edicións “falando de datos que é do que nunca se fala” e explicou que dos 90 euros de cada ticket, “trinta van para a industria musical pero o gasto medio por asistente é de 500 euros” e polo tanto, indicou, “o impacto de retorno é de máis de 90 millóns de euros”. Segundo os datos de EsmerArte & Old Navy, na edición de 2022 houbo “máis de 70 millóns de euros de retorno publicitario”.

Ademais de glosar os premios que foi recabando o festival dende 2018, Kin Martínez, explicou que este ano se conta cun orzamento de “sete millóns de euros, cun patrocinio do 26%, o que permite que teñamos uns prezos competitivos e que consolidemos un novo modelo de traballo entre o privado e a Administración”. O responsable de EsmerArte tamén destacou que O Son do Camiño se atopa entre os dez primeiros festivais da Península Ibérica en canto a aforo e orzamento. Martínez quixo falar de emprego e explicou que a UTE mantén arredor de 80 postos de traballo fixos durante todo o ano e “contratamos de forma directa mil postos máis pero o conxunto supera os 4.000 postos de traballo”.

Ao impacto económico que o festival ten na cidade tamén fixo referencia o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, “dende o goberno autonómico estamos orgullosos de celebracións coma esta, que dinamizan a economía e repercuten no sector cultural e no turístico”. Para Trenor, ademais, “o 2023 está a ser un magnífico ano en materia turística”.

No remate da roda de prensa, a directora de Turismo, Nava Castro, respondeu aos periodistas dicindo que acudiría ao concerto de Maluma, xa sen cargo na Xunta, e que no concerto de Aitana xa sería alcaldesa. Preguntados pola ameaza de folga do transporte para os días do festival, o responsable da organización do evento, Kin Martínez, apuntou que había un plan b, mais “imos agardar ás negociacións desta semana, non poñamos o carro diante dos bois, pero agardemos que as partes atopen a maneira de darlle a volta a esta situación.