Estudantes dunha vintena de países participan nos cursos de lingua e cultura galegas da USC

Da man da Real Academia Galega celebraranse, no mes de xullo, clases e seminarios organizados por niveis, dos que tamén se beneficiarán unha decena de profesores

Foto de familia dos participantes na vixésimo terceira edición do curso ‘Galego sen fronteiras’

Foto de familia dos participantes na vixésimo terceira edición do curso ‘Galego sen fronteiras’ / santi alvite

A Universidadede Santiago e a Real Academia Galega retomaron onte a celebración dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, despois de tres anos de interrupción con motivo da pandemia do coronavirus. A trixésimo terceira edición, que se desenvolverá ata o 24 de xullo, contará cun total de 42 estudantes dunha vintena de países de Europa, América e Asia como son Estados Unidos, Arxentina, India, China, Francia, Polonia, Alemaña ou México, aos que se suman once profesores. Esa cifra supón unha baixada con respecto ás anteriores edicións, nas que había uns 60 ou 70 participantes. “Sorprendeunos un pouco que cunha redución de participantes, tamén en parte polos custos que supón viaxar no mes de xullo, haxa unha representación tan ampla de países”, comenta en conversa con este medio o académico e membro do Instituto da Lingua Galega (ILG), Henrique Monteagudo, quen dirixe os cursos.

O obxectivo principal do programa é a difusión da lingua, da literatura e da cultura galega por todo o mundo. “Contamos con estudantes que veñen de cursar galego en cátedras ou centros de estudo galego das universidades”, especifica.

O programa está organizado en base a tres niveis: elemental, intermedio e superior. No elemental, “aínda distinguimos o nivel cero de xente que non sabe nin español nin portugués e que vén o galego dende linguas máis distantes”, destaca Monteagudo. Na Facultade de Filosofía da USC celébranse clases teóricas e prácticas, ás que se suma un ciclo de conferencias de temas de cultura e literatura.

Dentro do calendario de palestras, que principiará este xoves 6 de xullo cun relatorio da escritora e académica Marilar Aleixandre, galardoada co Premio Nacional de Narrativa 2022 do Ministerio de Cultura coa novela As malas mulleres, haberá unha conversa do cineasta Álvaro Gago, director da multipremiada Matria, cos alumnos sobre a historia do cinema galego e da súa propia obra cinematográfica o vindeiro martes 11 de xullo. E nesa misma semana, o xoves, Malores Villanueva, biógrafa de Francisco Fernández del Riego, pronunciará un relatorio sobre a celebración do Día das Letras Galegas 2023, entre outras.

A oferta complétase con visitas e outras actividades que ofrecen unha aproximación á realidade do país dende distintas perspectivas, da literaria e lingüística á musical, á artística e á paisaxística como a proxección de Matria en Numax e obradoiros de baile tradicional e regueifa.

Monteagudo incidiu en que este ano preténdese e “recuperar o tempo perdido coa pandemia” e volver á dinámica de edicións anteriores.

“Este curso aliméntase moito do feito de que estudantes que veñen un ano volven ao seguinte ou ben pasados uns anos, e así case todo o mundo acaba cursando o nivel superior, pero a Covid rompeu a cadea”, especifica o director do programa.

En palabras de Henrique Monteagudo, con estes cursos trátase de potenciar que polo mundo adiante, en maior medida nas universidades, “haxa máis persoas coñecedoras da lingua e cultura galegas que acaban volvendo ao seu país por algunha razón ou ben teñen contactos académicos en Galicia”. En definitiva, o académico define o programa como “unha ferramenta de internacionalización da cultura galega”.

“O galego ten a opción de medrar entre outras xeracións”

Mariela Sánchez, natural de Bos Aires, Arxentina, é unha das profesoras que participa na nova edición do curso “Galego sen fronteiras”, en concreto no nivel superior. Xa cursara o intermedio no ano 2012 e por diversos motivos non puido viaxar a Galicia para continuar co mesmo.

“Estes cursos permítenche ter un maior coñecemento da lingua e de que o galego teña a opción de medrar entre outras xeracións”, sostén.

Mariela fixo un doutoramento en Letras, que vén a corresponderse co grao de Filoloxía da USC, dentro da especialidade de literatura española contemporánea, e a tese tratou sobre a transmisión interxeracional na literatura da memoria sobre a Guerra Civil e o franquismo.

O programa considérao unha oportunidade para profundizar no coñecemento do galego, tanto no oral coma na escrita. “Antes de chegar aquí sabía ler en galego pero non falaba o idioma”, indica. Ademais, permítelle coñecer xente de distintos lugares, cos que intenta sempre falar en galego, “sen ter que recorrer ao inglés ou español”.

Na actualidade exerce como profesora adxunta nunha cátedra da carreira de Letras da Universidade Nacional de La Plata, que leva por nome Literatura Española II. “A formación impártese en castelán pero intento que os textos que se analizan estean tamén en galego”, destaca. Ademais é investigadora no Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas (CONICET), onde aborda a problemática de mulleres migrantes.