O PP de Santiago denuncia o incumprimento do prego da concesionaria da basura

Pide explicacións ao BNG pola falta de maquinaria que figura no contrato asinado hai ano e medio

Adrián Villa e Olaya Otero, con representantes do comité de empresa

Adrián Villa e Olaya Otero, con representantes do comité de empresa / REDACCIÓN

Redacción

Adrián Villa e Olaya Otero, concelleiros do grupo municipal do PP, recibiron esta semana os membros do comité de empresa da concesionaria da recollida e xestión do lixo na capital galega, encabezados polo seu presidente, Ricardo Méndez. Deste xeito, os populares interesáronse así pola situación dos traballadores logo de coñecer, a pasada semana, que houbo un parón a causa do incumprimento no convenio de rotacións e no servizo de recollida.

Durante a reunión, os edís manifestaron a súa preocupación pola situación dos traballadores e pola falta de maquinaria e materiais que figuran no contrato que o concello e a empresa concesionaria asinaron a finais do mes de febreiro de 2022. “Estamos ante o contrato dun servizo fundamental para a cidade polo que, tan só ano e medio despois da súa sinatura, non é razoable que provoque problemas para a correcta recollida dos residuos”, afirmou Adrián Villa.

Mentres, desde o comité de empresa púxose de manifesto a falta de persoal pero, sobre todo, a falta dos camións de recollida comprometidos, sen os cales a retirada de lixo é máis complicada ao non haber unha adaptación entre os vehículos e os novos colectores, sinalaron. Neste senso, Villa sinalou que “é incomprensible que máis dun ano despois da posta en marcha do novo contrato sigan sen estar a disposición os medios que obrigaba a licitación e que o goberno non contemple ningún tipo de penalización por incumprimento de contrato”. “Estamos a falar dun total de 25 vehículos que se reparten en cinco de carga traseira e doce de carga lateral, ademais de dúas varredoras de calzada, dúas cisternas grandes e catro baldeadoras eléctricas. Non é que falten un ou dous por entregar, faltan todos e aquí non pasa nada”, afirmou o concelleiro do PP.

Ademais, na reunión falouse das illas de recollida do casco históricoe tamén dos varredores eléctricos, os cales, segundo indicou o comité da empresa, sufriron avarías e non funcionan na actualidade.

Nestes días, o comité tamén celebrou unha reunión en Raxoi, “coa presenza do concelleiro de Medio Ambiente e doutros dous edís do goberno”, sinalaron dende o PP. “A alcaldesa non estaba presente nesa reunión. Isto pon de manifesto a preocupación que ten. Pasotismo puro e duro”, sinalou Villa. O edil tamén criticou que, “logo de coñecerse o paro da pasada semana e coa cantidade de xente que hai na nosa cidade, é incrible que o goberno nacionalista pospoña a reunión coa empresa para o mes de setembro”. “Un contrato de 100 millóns de euros non é unha cuestión menor. Xa pasou un prazo máis que suficiente para que o servizo se adapte ao contrato asinado”, indicou.