A veciñanza da zona da Estila denuncia “unha afluencia de tráfico insostible”

Aos problemas de aparcamento habituais súmaselle agora ser o epicentro do transporte por mor das obras da Pastoriza

A veciñanza da Estila denuncia o caos de tráfico na avenida de Coimbra e falta de aparcamentos

A veciñanza da Estila denuncia o caos de tráfico na avenida de Coimbra e falta de aparcamentos / Jesús Prieto

A veciñanza da Estila (avenidas de Salamanca e Coimbra e rúas contiguas) clama por unha xuntanza co goberno municipal que solucione unha “afluencia de tráfico insostible” dende que comezaron as obras da Pastoriza e que se vén sumar aos reiterados problemas de aparcamento da zona. 

Nesta área, a proximidade á cidade histórica, así como o número de colexios e institutos da zona e o aveciñamento ao campus norte, ocasionan que diariamente o tráfico sexa moito e as prazas de aparcamento poucas. Agora, coas obras da Pastoriza a situación complícase máis, con varias liñas de autobús que circulan por unha rúa bastante estreita e tamén debido ao comezo do curso escolar. Os veciños das avenidas de Salamanca e Coimbra denuncian que os colexios da zona “teñen habilitadas prazas de estacionamento, por 45 minutos, no aparcamento de Xoán XXIII e aínda que son gratuítas, aparcan en dobre fila para recoller os nenos do colexio”, explican en conversa con este diario. 

A esta situación súmase que non sexan suficientes as prazas reservadas para residentes, nunha área con edificios da década dos 70 que carecen, en moitos casos, de garaxe propio, e engádese tamén o feito de que estacionan no lugar vehículos non residentes. “Hai un coche con matrícula francesa que leva aparcado na avenida de Salamanca unha semana”, explican. Polo que tamén solicitan ao Concello e á Policía local que circule pola zona o vehículo de tráfico con cámara que vixía esta cuestión.

Coches estacionados obstaculizando os pasos de peóns, subidos ás beirarrúas e nas entradas dos escasos garaxes, é o día a día dos residentes na avenida de Salamanca. Unha situación á que se suman uns colectores que anulan prazas de aparcamento e ocasionan que máis dunha noite os veciños desta rúa se teñan que desprazar mesmo até o Auditorio de Galicia. “Por iso queremos solicitar tamén a reubicación destes colectores, nun lugar no que non anulen aparcamentos”, demandan.

Para paliar o efecto das obras da Pastoriza sobre as rúas veciñas (Ultreia e Espírito Santo) o Concello accedeu nunha xuntanza coas asociacións de veciños a estudar a habilitación de prazas de estacionamento na avenida Xoán XXIII, unha solución que só será útil para as avenidas de Salamanca e Coimbra “se se dá a longo prazo”, xa que a súa problemática non deriva das obras senón que éstas as simplemente a agravan. “A última vez que houbo obras en Basquiños, na avenida de Salamanca estivemos cinco anos sen beirarrúas”, segundo contan.

Outra das demandas da veciñanza, agora que haberá vía alternativa entre Xoán XXIII e Galeras, é que Policía local e Concello lles concedan un permiso temporal para aparcar na área de San Francisco.