Os socialistas de Compostela acusan a Sanmartín de triplicar os prezos da conciliación escolar

Critican que as familias compostelás van a ter que pagar 99 euros por neno/a chegado o Nadal

O goberno municial insiste en que o primordial "é abrir os prazos de inscrición con antelación suficiente e ofrecer un servizo de calidade"

ntegrantes de Xuventudes Socialistas de Compostela co novo secretario xeral do PSdeG, Aitor Bouza, abaixo á dereita

ntegrantes de Xuventudes Socialistas de Compostela co novo secretario xeral do PSdeG, Aitor Bouza, abaixo á dereita / XSG compostela

Santiago

O grupo socialista de Compostela e Xuventudes Socialistas de Compostela (XSG Compostela) acusan o goberno de Goretti Sanmartín de triplicar os prezos da conciliación escolar para as familias santiaguesas no Nadal. 

Jimena Sierra, secretaria de Organización das XSG Compostela, destacou que “o BNG fixo bandeira durante a pasada lexislatura de ser os máximos defensores da accesibilidade dos servizos públicos”. Sen embargo, vense de aprobar na Xunta de Goberno Local os prezos para a inscrición, e as familias compostelás terán que pagar 99 euros por cada neno/a, “cando nos derradeiros nadais estes programas foron gratuítos para aliviar os efectos da inflación para as familias da cidade”.

Pola súa banda, o grupo socialista acusou á alcaldesa de “desinterese na conciliación das familias de Santiago” e aféanlle que “unha vez máis” incumpra a palabra dada “en contra do que abandeirou no pasado”. Marta Abal recordoulle a Sanmartín que, durante o pasado mandato “esixiu que se duplicara a oferta de conciliación durante o Nadal e falou de que o prezo das actividades en 2020 afogaba ás familias”.  

Critica, ademais, que sexa agora o BNG quen pase da gratuidade no pasado Nadal aos practicamente 100 euros que custa na nova convocatoria. A maiores, os socialistan cuestionan a realización das Cativadas de Nadal nos Centros Socioculturais de toda a cidade, con 185 prazas ofertadas o ano pasado, das que 75 repartíronse entre os centros do rural.

En resposta ás críticas, o goberno municipal precisou que o prezo de 99 euros para o servizo completo de conciliación de Nadal é menor que o de antes da pandemia. En concreto precisou a este medio que o prezo no 2019 foi de 181,35 euros, no 2020 ascendiu a 357 €, no 2021 e 2022 resultou gratuíto e no verán deste ano as familias tiveron que pagar 34 euros. 

Para o goberno local, o primordial “é abrir os prazos de inscrición con antelación suficiente e ofrecer un servizo de calidade”. En referencia ao prezo público deste servizo de conciliación que se presta nos centros de ensino asegurou que “se cobre menos do 50% do seu custe”. No caso das familias con informe de servizos sociais van a beneficiarse da bonificación do 50 ou do 100% sobre o prezo e terán á súa disposición prazas de conciliación na ludoteca e nos centros socioculturais totalmente de balde.