O concurso Santiago(é)tapas cambia de data: celebrarase do 15 de febreiro ao 3 de marzo

O certame hostaleiro víñase desenvolvendo no mes de novembro co obxectivo da desestacionalizar o turismo

A inscrición xa está aberta na web santiagoetapas.gal até o 10 de xaneiro

(Esq.) Flavia Ramil, Míriam Louzao e Sara Santos durante a presentación de Santiago(é)tapas

(Esq.) Flavia Ramil, Míriam Louzao e Sara Santos durante a presentación de Santiago(é)tapas / Jesús Prieto

Santiago(é)tapas abandona as datas das últimas edicións, no mes de novembro, e pasará a celebrarse entre o 15 de febreiro e o 3 de marzo de 2024, atendendo ás demandas da hostalaría e na procura de continuar coa desestacionalización turística. "Os establecementos teñen agora boa actividade durante o mes de novembro", comentaba a edil de Turismo, Míriam Louzao, polo que se elixiu febreiro, tempada baixa na hostalaría, "co reto de dinamizar o sector cando menos actividade hai".

Na presentación desta nova edición de Santiago(é)tapas, a edil de Capital Cultural estivo acompañada pola xerente de Turismo, Flavia Ramil, e a presidenta de Hostelería Compostela, Sara Santos. As tres incidiron na necesidade de desestacionalizar o turismo, promover a participación da cidadanía de Compostela no concurso e tamén do turismo de proximidade do municipio.

As inscricións xa están abertas para os locais hostaleiros, até o 10 de xaneiro, a través do email info@santiagoetapas.gal, da web santiagoetapas.gal e presencialmente na sede da asociación hostaleira.

A edil nacionalista quixo facer referencia a que “a razón fundamental deste cambio é unha razón moi positiva para Compostela. O cambio é debido a que os estabelecementos da cidade teñen agora no mes de novembro unha actividade moito máis forte da que tiñan hai uns anos, polo que entendemos que o concurso cumpriu a súa función neste mes”. 

A xerente de Incolsa, xustificou as novas datas explicando que "Santiago(é)tapas perdera parte da forza inicial", polo que agora, "para animar a establecementos e público" daranse case dous meses de prazo para que os locais se inscriban e inscriban as súas tapas no certame. Flavia Ramil tamén adiantou, anque se explicitar máis, que se están a preparar novos incentivos para promover unha boa participación de público.

Pola súa parte, Sara Santos amosou o seu agradecemento ao Concello por considerar o cambio de data, "demandado por un grande número de hostaleiros, xa que agora a tempada de verán se alonga case até o Nadal", explicou. Entre os obxectivos desta nova edición, a décimo quinta xa, Santos marcouse o de "recuperar o espírito da orixe".

Con esta meta, un dos retos tamén é “involucrar o máis posible a todo o sector hostaleiro. Ademais, tendo en conta o cambio de hábitos da clientela nestes anos que fixo que moitas cafeterías e locais se centren actualmente en almorzos, brunchs e merendas ou o chamado tardeo, imos darlle máis protagonismo ás propostas dóces, co Premio á Tapa + Dóce e un novo roteiro que percorra eses locais, convencidos de que dará a oportunidade de presentar propostas moi interesantes e abrirá o concurso a un público máis familiar”.

Quince anos de 'tapeo'

O certame Santiago(é)tapas botou a andar hai xa 15 anos, nun principio durante a primeira quincena de xullo, as mellores datas consideradas daquela polo sector. Nos últimos tempos, o habitual era que se desenvolvese no mes de novembro, pero a reactivación do sector turístico logo da pandemia, levou a un estancamento na cifra de participantes, polo que se obtou por negociar coa hostalaría o paso do concurso a mediados de febreiro.

Aínda así, as cifras da edición décimo cuarta non desmerecen. Segundo explicou en roda de prensa a presidenta de Hostelería, Sara Santos, "repartíronse máis de 24.000 racións de entre as 63 tapas diferentes que realizaron os diversos locais". Aínda que algúns establecemento preparaban máis dunha tapa.