PSOE esixe que BNG aclare se é formal a renuncia ao plan provincial para a Casa da Xuventude

O PP está “disposto a negociar o derrube” se o Goberno local achega unha proposta

Goretti Sanmartín defende a unidade do bipartito e di que "ninguén vai dimitir"

Recreación da proposta do PP de Santiago para a praza do Matadoiro

Recreación da proposta do PP de Santiago para a praza do Matadoiro / PP

O debate sobre os distintos posicionamentos políticos en canto ao derrubamento da Casa da Xuventude continúa, logo da comparecencia no pleno do xoves do edil de Urbanismo Iago Lestegás. O secretario xeral do PSOE de Santiago, Aitor Bouza, esixíalle onte ao Goberno bipartito que “aclare se hai unha renuncia formal ao convenio coa Deputación” da Coruña e lamenta “a falta de transparencia” da alcaldesa Goretti Sanmartín alegando que “se non pedimos a comparecencia do concelleiro nunca teríamos coñecido o álbum de fotos da súa proposta”.

En resposta a esta cuestión, Sanmartín explicou que descoñece “se falta algunha cuestión formal” pero insistiu en que “a comunicación está feita, non só ante a Deputación senón publicamente, mesmo con notas de prensa do Concello e do organismo provincial”. 

Os socialistas, que anunciaron reunións coa veciñanza e cos usuarios da Casa da Xuventude, acompañados por un portavoz da Deputación que explique o proxecto rehabilitador que defende o PSOE, indicou que “a proposta do BNG podería integrarse” nel e lamentou que o Bloque “aposta por destruír en lugar de construír”.

Así mesmo, Aitor Bouza fixo referencia á “coincidencia sorprendente” entre as propostas de BNG e PP. E ao líder desta última formación, Borja Verea, recordoulle as súas palabras no pleno ao dicir que “velará polos intereses de Santiago”, polo que dende a formación socialista supoñen “que votará a favor das emendas do PSOE aos orzamentos da Xunta no Parlamento galego”.

Pola súa parte, e en relación coa Casa da Xuventude, Borja Verea, comunicaba a “disposición” do seu partido a negociar o derrubo da Casa da Xuventude se o Goberno local achega unha proposta, “o que non imos é negociar con medio goberno, Compostela Aberta -CA- e BNG terán que chegar a un acordo e facer unha proposta”, indicou.

Borja Verea, que durante o pleno denominou o proxecto de Iago Lestegás como “carpa microclimática” defendeu así e todo que “a demolición da Casa da Xuventude foi un dos primeiros compromisos que adquirín cando iniciei o camiño á Alcaldía”. Para o líder ‘popular’, a desaparición deste edificio “tamén é unha oportunidade de pór en valor os restos patrimonias da praza do Matadoiro” e crear na zona “un espazo comunitario, verde, dinámico e punto de encontro social”, unhas palabras que non difiren demasiado das pronunciadas no pleno polo edil nacionalista Iago Lestegás.

Verea, que entende en calquera caso que “o único modelo válido é o que temos traballado e que supón transformar a contorna”, non deixou pasar a ocasión de lembrar as palabras de María Rozas (CA) durante a campaña, cando asegurou ante a veciñanza que “de ter responsabilidades de goberno nunca permitiría o derrubo da Casa da Xuventude”.

Como xa fixera no pleno deste xoves, Borja Verea insistiu que agarda que “se no proxecto de orzamentos hai unha partida destinada ao derrubamento (María Rozas) ou non apoiará as contas ou deixará o cargo”, xa que para o líder do PP, “máis alá da legalidade, como membro do Goberno local, está a dignidade persoal”. 

En referencia á posible dimisión de María Rozas, se non se achegan as posturas de CA e BNG sobre o futuro da praza do Matadoiro, Goretti Sanmartín asegurou que “neste goberno non vai dimitir ninguén” xa que está “unido e cohesionado e entra na normalidade máis democrática, xa que nos poñemos de acordo no 99% das cuestións e temos unha discrepancia que non ten maior repercusión e non vai significar ningunha mudanza” dentro do goberno. 

Sanmartín, que aconsellou ao PP que “estean tranquilos” respecto desta cuestión, tamén quixo deixar claro que “sobre a Casa da Xuventude debateuse até a saciedade durante a campaña, mesmo tivo debate específico, sabiamos claramento o que pensaba cada forza”.

A alcaldesa especificou que “é prematuro” falar do proxecto para unir o Matadoiro e o parque de Belvís, defendeu que “a ninguén se lle ocultou que nos reunimos coa Deputación o pasado verán e trasladámoslle ao seu presidente que considerabamos que o lugar non era o máis acaído para unhas oficinas administrativas”. “Mesmo puxemos unha alternativa enriba da mesa que a Deputación desestimou”, lembrou.