"O Goberno central ten que paliar a discriminación da Xunta con Santiago"

Aparcamento do CHUS e máis fondos para o Consorcio: o PSOE presenta as súas emendas aos orzamentos autonómicos

Gonzalo Muíños, voceiro do PSOE de Santiago, e a deputada socialista Noa Díaz anunciaron na mañá do luns as emendas que presentarán aos orzamentos da Xunta no Parlamento galego

Unha vez máis, o aparcamento do Clínico leva boa parte do protagonismo

A negativa da administración autonómica a construír un novo centro de saúde en Conxo tamén irá á camara galega

Gonzalo Muíños e Noa Díaz durante a súa comparecencia en Raxoi

Gonzalo Muíños e Noa Díaz durante a súa comparecencia en Raxoi / PSOE

Gonzalo Muíños, voceiro do PSOE de Santiago, e a deputada socialista Noa Díaz anunciaron na mañá do luns as emendas que presentarán aos orzamentos da Xunta no Parlamento galego, onde unha vez máis o aparcamento do Clínico leva boa parte do protagonismo.

O voceiro do PSOE local explicou que nesas emendas se ofertará de novo a parcela municipal próxima ao CiMUS e valorada en seis millóns de euros, "e solicitamos a achega da mesma cantidade por parte da Xunta", en dúas anualidades. O voceiro dos socialistas insistiu en que "a Xunta ten a súa propia parcela no CHUS, o Concello achega tamén a súa, se quixeran facer o aparcadoiro poderían facelo xa".

Muíños insistiu unha vez máis no "pouco interese que amosa o goberno do PP na Xunta pola veciñanza de Compostela". O edil destacou que "o Goberno central ten que paliar a discriminación da Xunta con Santiago", en referencia á falta de orzamentos autonómicos para a EDAR da Silvouta ou o Consorcio de Santiago. "O presidente (Alfonso) Rueda comprometeuse coa alcaldesa (Goretti) Sanmartín a incrementar a súa partida se o facía o Estado", lembrou Muíños. Nesta liña, Noa Díaz afirmou que a EDAR "é necesaria, imprescindible e urxente e non está recollida nos orzamentos da Xunta".

"Os orzamentos da Xunta non benefician a Santiago, como defende o voceiro local do PP, Borja Verea", asegurou a deputada Noa Díaz. "Mentres o Goberno central si esta comprometido a incrementar a súa achega ao Consorcio, até un 30% en tres anualidades". Unha partida, a do Consorcio, que Díaz lembrou leva estancada dende o goberno bipartito na Xunta. En referencia a esta entidade, tamén Gonzalo Muíños lembrou que é a responsable da Real Filharmonía de Galicia, "de carácter autonómico" e esplicitou que solicitarán un incremento gradual en relación coa subida de prezos, porque a situación de déficit "supera os 30 millóns de euros".

Nesta mesma liña, Noa Díaz volveu reivindicar o incremento da cantidade destinada a Santiago polo Estatuto de capitalidade. "Hai un estudo datado en 2010 que xa cifraba o custo da capitalidade en cinco millóns de euros", mentres o Concello de Santiago segue a percibir arredor de 2.300.000 euros, polo que os socialistas ven esta suba "non só xusta senón necesaria".

Rehabilitación do Centro de Saúde de Conxo

A deputada socialista Noa Díaz e o voceiro local do PSOE, Gonzalo Muíños, tamén tiveron un capítulo especial para o Centro de Saúde de Conxo, que dende a Xunta xa se especificou que non se levará a cabo a construción dun novo, senón sinxelamente a rehabilitación do actual. "A situación do barrio é precaria en canto ao seu centro de saúde", explicou Díaz, "e nos orzamentos non hai unha partida específica, non aparece como tal, senón que se mencionan hospitais, e o centro de saúde non é un hospital".

A non construción dun novo centro de Saúde nese barrio compostelán, e antigo concello de seu, reflicte segundo Muíños o desinterese da Xunta por Compostela. Un desinterese que Noa Díaz tamén destaca que é aplicable a área de cultura e educación. "O Conservatorio de Música de Santiago xa é referencia, necesita dunha ampliación e hai sitio para facela". A deputada tamén lle pediu á Xunta que se sume á "plataforma para o Conservatorio de Danza", construción á que tamén se negou a administración autonómica. Díaz afianzou a necesidade de levalo a cabo en que "só hai un Conservatorio de Danza, e está en Lugo".

O PSOE tamén poñerá sobre a mesa no debate orzamentario no Parlamento galego a construción da Escola Infantil de Santa Marta, o centro de día das Fontiñas ou o colector de pluviais na área Fontes do Sar-Fontiñas, "para evitar os problemas que se están a dar cando hai fortes choivas".