Lestegás anuncia que Santiago solicitará a declaración de zona tensionada

O edil de Urbanismo ve nesta declaración “unha ferramenta para garantir o acceso á vivenda”

Un hombre observa los anuncios de una inmobiliaria situada en el Ensanche de la capital gallega

Un hombre observa los anuncios de una inmobiliaria situada en el Ensanche de la capital gallega / Jesús Prieto

A Xunta de Galicia anunciara nun primeiro momento que se declararía en rebeldía ante a nova Lei de Vivenda estatal, unha norma que entre outras cousas permite declarar zonas tensionadas nas cidades e, desta maneira, poñer topes os prezos dos alugueiros. No consello da Xunta celebrado onte en San Caetano a titular de Vivenda, Ánxeles Vázquez, fixo o anuncio de que a administración autonómica si aplicará a norma estatal, tendo en conta que a competencia de vivenda é autonómica, e que os concellos deberán ser os que soliciten a declaración de zonas tensionadas, presentado unha xustificación a petición.

O concelleiro de Urbanismo de Santiago, Iago Lestegás, declarou aos medios que o Goberno local consideraba esta medida “moi positiva”, se ben tamén remarcou que a lei “non obriga aos concellos a facer ese traballo de documentación, nin á creación dunha mesa sectorial”, especificamente. Algo que, en calquera caso o Concello asumirá posto que a declaración de zonas de vivenda tensionada é “unha ferramenta útil para garantir o dereito de acceso a unha vivenda”.

Así mesmo, segundo os requerimentos que deben cumprir os municipios solicitantes, e á vista dos datos do Observatorio da Vivenda (dependente do Instituto Galego de Vivenda e Solo -IGVS-), o municipio de Santiago padeceu entre 2017 e 2022 unha suba dos prezos do arredamento do 26,6%, pasando dos 408 euros ao mes dun alugueiro en 2017, aos 517 en 2022, a 554,5 en agosto do 2023.

Ademais, segundo Atlas Real Estate Analytics, o 82% dos fogares da cidade cumpren coas condicións de zona tensionada.