Luz verde á rehabilitación do pavillón de Vite por 1.209.712 euros

A empresa adxudicataria é Prace Servicios y Obras

O contrato está cofinanciado con Fondos NextGenerationEU

Exterior do Pavillón Polideportivo do barrio de Vite

Exterior do Pavillón Polideportivo do barrio de Vite / Jesús Prieto

A xunta de goberno local vén de adxudicar a Prace Servicios y Obras o contrato de obras de rehabilitación do Pavillón Municipal de Vite cun orzamento total de 1.209.712,72 euros (IVE incluído). O anuncio fíxoo na mañá do luns a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que tamén indicou que a partida orzamentaria está cofinanciada cos Fondos NextGenerationEU da UE (Unión Europea).

Esta rehabilitación, cun prazo de execución de 6 meses, afectará a toda a envolvente do edificio, unha medida que permitirá, segundo Sanmartín, contar cun pavillón "enerxeticamente máis eficiente" e rematar cos problemas de humidades "cunha cuberta nova e tamén novos vestiarios".

A proposta da adxudicataria Prace, segundo informan dende o Concello, parte dunha proposta económica de 999.762,58 euros (sen IVE), "a máis vantanxosa" das que concursaron. O gasto total da rehabilitación, 1.209.712,72 euros, desagregarase en 100.809,39 euros do exercicio 2023 e 1.108.903,33 do exercicio de 2024.

Outra das decisións importantes da xunta de goberno, como explicou a alcaldesa, é a doutra adxudicación, o contrato de Servizo de voz e datos do Concello, cun gasto total de 1.277.938,26 euros, desagragados tamén en catro anualidades, entre 2024 e 2027, cunha contía de 319.484,57 euros cada ano.

Así mesmo, o Goberno local levou a cabo a aprobación dos convenios con Cáritas (117.422,35 euros), co Colexio da Avogacía de Santiago (2.000 euros), co Centro Cultural Social Xoán XXII (60.000 euros) e coa asociación Coordinadora Galega de ONGD (15.000 euros).

Oferta Pública de Emprego

A xunta de goberno local resolveu tamén a aprobación da Oferta de Emprego Público (OEP) de 2023, cun total de 12 prazas, das que 5 corresponden a prazas de Policía, 3 a Bombeiros, un arquitecto técnico, un enxeñeiro técnico e dous postos de administrativo.