SMARTiAuGA presentarase ás axudas do PERTE para mellorar a xestión da auga

Oproxecto conta cun orzamento de preto de catro millóns de euros para a modernización

O río Tambre é un dos abastecedores de auga da cidade

O río Tambre é un dos abastecedores de auga da cidade / Concello

Redacción

O proxecto Xestión intelixente do ciclo urbano da auga de Santiago de Compostela-SMARTiAuGA concorrera na segunda convocatoria de subvencións de dixitalización do ciclo da auga, dentro do Plan de Resiliencia do PERTE (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica). Así o comunicaba onte a Xunta de Goberno, que lembraba que SMARTiAuGA, que conta cun orzamento de preto de 4 millóns de euros, permitirá a modernización e a mellora da eficiencia da xestión da auga.

Na busca de cofinanciar o proxecto, o Concello recorre ás axudas do PERTE co obxectivo de mellorar a eficiencia do ciclo urbano da auga, “reducindo as perdas de auga nos sistemas de distribución e mellorando as infraestruturas de tratamento das residuais”. 

Co proxecto SMARTiAuGA, o Concello de Santiago pretende implementar unha serie de melloras tecnolóxicas e infraestruturais, en liña coa súa estratexia global de transformación dixital “cara a consecución dunha cidade intelixente”. Un obxectivo que pretende acadar dotanto a iniciativa cun orzamento de 3.953.386,56 euros desagregados en tres anualidades: 1.467.241 euros para o ano 2024, 2.144.066 para 2025 e 342.079 euros para 2026.

A través destes fondos a Corporación local financiará tres tipos de actuacións: de planificación (tipo A), de implementación de accións de mellora da eficiencia e dixitalización (tipo B) ou de xestión da información (tipo C).

O proxecto SMARTiAuGA conta cun prazo de execución previsto de 28 meses a contar dende o 1 de marzo de 2024. As contribucións que derivarán das actuacións que desenvolvan dentro deste plan “permitirá unha mellora integral na xestión da auga” no termo municipal de Santiago, abastecido na actualidade por dúas captacións, unha situada na estación de tratamento de auga potable do río Tambre (no lugar de Marzo de Abaixo, Santa María de Grixoa) e outra nos mananciais de Brins e Chopo.

A través das diferentes actuacións que se desenvolverán no marco desde proxecto, o Concello pretende sentar as bases tecnolóxicas, metodolóxicas e infraestruturais para a centralización, integración, procesamento e explotación da información hídrica destes sistemas “co fin de dotar o organismo de conca competente de ferramentas máis áxiles e eficientes para a xestión deste recurso”.