Compostela Aberta insiste en que non renuncia a xestión directa da auga

Insta a Bugallo que siga os pasos de Ames e recorda que en Valladolid conxeláronse as tarifas

A candidata á alcaldía de CA, María Rozas /ca

A candidata á alcaldía de CA, María Rozas /ca / redacción

Redacción

Despois de que en Ames un alcalde socialista propuxese a xestión directa da auga no municipio, Compostela Aberta insiste en que se chegan a alcaldía non permitirán que “gobernen as concesionarias”. En rolda de prensa onte, a candidadata María Rozas e o número 2 nas listas Xan Duro reprocharonlle ao goberno de Bugallo que non dese pasos para recuperar a xestión pública deste servizo. Rozas lamentou que “Bugallo se peche en banda a avaliar calquera opción que non sexa a concesión privada, ainda cando os seus compañeiros de partido dan pasos no camiño da municipalización deste servizo esencial, como vén de acontecer en Ames”.

Rozas insistiu en que “nós temos o convencemento de que ese modelo é o da xestión directa, porque así o avalan informes realizados noutras cidades e a experiencia daquelas na que o servizo xa foi municipalizado. A candidata de CA referiuse ao caso de Valladolid. Hai seis anos municipalizou o servizo da auga “tamén cun alcalde socialista e cunha concelleira de Valladolid Toma la Palabra”. A candidata de CA explicou que neste tempo “os ingresos municipais en concepto do canon da auga pasou de 5,6 a 11 millóns de euros, conxeláronse as tarifas, introducíronse novas bonificacións”. Ademais, salientou que en cinco anos “a empresa municipal que xestiona a auga en Valladolid licitou investimentos na rede por importe de 50 millóns de euros”.

Compostela Aberta xa iniciara no pasado mandato un traballo de análise para avaliar a posible remunicipalización do servizo. Un deses estudos, explicou, foi unha auditoría económica que concluía que os ingresos xerados polo servizo permitirían reducir a tarifa da auga ata nun 13% e, ao tempo, abordar investimentos na rede de case 1,5 millóns de euros anuais, “unha cifra que cremos que pode ser moi superior, porque a realidade é que non tivemos acceso a todos datos requiridos á empresa que xestiona o ciclo da auga en Santiago desde hai 50 anos”.

María Rozas salientou que a auditoría sinalaba, en concreto, que o custo imputado en concepto de reparacións e materiais por parte da concesionaria chegaba a sumar máis de 4 millóns de euros en 5 anos, “sen que se dispoña de documentación que acredite este volume de gasto”. Para a candidata de CA, “este informe debe ser completado no próximo mandato, urxe clarificar cal é a situación da concesión do ciclo da auga, e ter todos os datos para tomar unha decisión sobre cal é o mellor modelo para Santiago”.

A maiores desta auditoría económica, lembrou Xan Duro, no pasado mandato tamén se encargou un informe sobre a situación do sistema da auga, que foi elaborado por Emalcsa, a empresa municipal de augas da Coruña. Ese estudo dá conta da situación de obsolescencia de determinadas infraestruturas do ciclo integral da auga, e volve poñer de manifesto as dificultades do Concello para coñecer datos relevantes sobre o servizo que figuran en distintas plataformas informáticas de xestión aos que non tén acceso a administración municipal.

Rozas incidiu en que “a xestión da auga non é só unha cuestión ideolóxica, é unha cuestión de números, de ver cal é a opción máis rendible”.