O exalcalde Martiño Noriega pecha a lista de Compostela Aberta para as eleccións municipais

A candidata de Compostela Aberta (CA) á alcaldía, María Rozas, presentou este venres o segundo tramo da lista coa que concorre ás eleccións do 28 de maio

O exalcalde Martiño Noriega pecha a lista de Compostela Aberta para as eleccións municipais

O exalcalde Martiño Noriega pecha a lista de Compostela Aberta para as eleccións municipais / CA

ECG

A candidata de Compostela Aberta (CA) á alcaldía, María Rozas, presentou este venres o segundo tramo da lista coa que concorre ás eleccións municipais de maio. Martiño Noriega, médico de familia nas Fontiñas, portavoz nacional de Anova, e alcalde de Santiago entre os anos 2015 e 2019, pecha a lista da formación,  “unha candidatura que bebe do feminismo, do activismo social e cultural e do movemento sindical, que representa á totalidade do termo municipal, e que reivindica o traballo feito polo Goberno de Martiño Noriega”, en palabras do propio partido.

O exalcalde de Compostela é o encargado de pechar a lista, no posto 25, por detrás da presidenta do comité de empresa de Zara na provincia da Coruña, Carmiña Naveiro; e da escritora e académica Marilar Aleixandre, que este venres participaron tamén na rolda de prensa de presentación na que Rozas deu a coñecer a totalidade da lista electoral coa que se presenta ás eleccións municipais do 28 de maio. A lista está formada por 15 mulleres e 10 homes; aos que hai que engadir as 6 mulleres e 4 homes que figuran como suplentes. A candidata de CA salientou que “encabezo unha candidatura cun 60 por cento de mulleres, unha porcentaxe que non responde a ningunha cota senón á realidade dunha forza feminista como é Compostela Aberta”.

A candidata de CA incidiu en que esta é unha lista “cunha alta representación do movemento sindical, con persoas como Carmiña que encabezou as protestas contra Inditex que acabaron cunha importante mellora salarial para as traballadoras; Carlos Pardo, que foi secretario xeral da unión intercomarcal de Comisións Obreiras Santiago-Barbanza; ou Soledad García Rio, do comité de empresa do Servizo de Axuda no Fogar”. Tamén resaltou "outros dos valores desta candidatura” como o activismo social e cultural, con nomes como o de Marilar Aleixandre ou Eli Cabeza Romero, a implantación territorial da lista, “con integrantes que proceden de todas zonas de Santiago, desde Marrozos a Salgueiriños, pasando polo Ensanche, a zona histórica, Vista Alegre, a Almáciga ou Fontiñas”, e o coñecemento dos servizos municipais.

Reivindicar o traballo de Noriega

Rozas recoñeceu que “a lista é un exercicio de recoñecemento para todos os concelleiros e concelleiras que fixeron parte do Goberno de Martiño Noriega, empezando polo propio exalcalde”. A candidata de Compostela Aberta sinalou que “para min, o feito de que Martiño Noriega peche a lista e que no último tramo tamén aparezan Noa Morales, Rafa Peña, Concha Fernández ou Manolo Dios é unha maneira de reivindicar e de poñer en valor o traballo feito polo Goberno de Compostela Aberta, fronte a un mandato de parálise, de falta de ideas e de incapacidade para xestionar do equipo de Bugallo”.

A lista completa de CA:

María Rozas Pérez

Portavoz e concelleira do grupo municipal de Compostela Aberta e veciña do Ensanche. Licenciada en Ciencias Políticas e Master en Estratexias e Políticas de Cooperación ao desenvolvemento. É consultora de xestión económica para Administracións Públicas. No mandato 2015-19 foi tenenta de alcalde e exerceu como Concelleira de Economía e Facenda. Foi voluntaria en varias ONGD e participante no movemento feminista

Xan Duro Fernández

Concelleiro do grupo municipal de Compostela Aberta e veciño dos Salgueiriños. Diplomado en Biblioteconomía e Documentación e funcionario da USC como auxiliar técnico de biblioteca. Foi presidente de ADEGA e coordinador xeral de Verdegaia. No mandato 2015-2019 foi concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Informática

Comba Campoi García

Doutora en Ciencias da Comunicación e veciña das Fontiñas, traballou no audiovisual e no teatro e foi docente na USC. Actualmente é profesora de ensino secundario na familia profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade. É activista na Asociación Morreu o Demo de teatro de monicreques, e no ensino autoxestionado en galego da Semente Compostela. Participa do movemento feminista no colectivo Materfem

Miguel Penas Rodríguez

Coordenador do grupo municipal de Compostela Aberta e veciño do barrio das Marías. Licenciado en Historia, técnico superior de Turismo e Master en Edición. Foi presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL), primeiro director da Através Editora e actualmente secretario da AVV das Marías. No mandato 2015-2019 foi xefe de gabinete da Alcaldía de Santiago

Graciela Carro Asorey

Autónoma e xerente das súa propia axencia de seguros e veciña de Marrozos. Cursou estudos en Ciencias Políticas e da Administración. Fai parte da directiva da AVV de Marrozos

Javier García Pérez

Músico e residente en Casas Novas. Titulado superior en guitarra clásica, foi durante cinco anos profesor no Instituto de Música e Tecnoloxía de Madrid. Participou no grupo de homes “Micromachinhos” e no “Proxecto Integral Compostela” de moeda social, e na Asemblea do 15 M de Alcalá de Henares

Marisa Álvarez Garea

Mestra de Educación infantil no CEIP da Ramallosa (Teo) e veciña do barrio de Conxo. Mantén unha importante actividade veciñal e cultural no seu propio barrio así como na Troita Armada. Foi parte activa da asociación xuvenil Itaca.

Jaime Bello González

Educador social pola USC e técnico superior de animación sociocultural, veciño do Monte dos Postes. Afiliado á CIG-Servizos foi presidente do Comité de empresa dos Centros Socioculturais, traballou en campamentos da Xunta, en Aspas, e actualmente no Concello de Boiro, nun proxecto dirixido a adolescentes. Foi membro da directiva do centro xuvenil Don Bosco

Luisa Pasín Mato

Avogada no eido da mobilidade, reside no Ensanche. Defendeu á veciñanza nas expropiacións realizadas durante as transformacións urbanísticas de Conxo e do Banco do Pobre. Formou parte da Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Santiago que implantou o turno especial de violencia de xénero, e da agrupación de mulleres “Inquietas”

Marta Lois González

Concelleira do grupo municipal de Compostela Aberta e veciña do barrio das Fontiñas. Doutora en Ciencia Política e profesora da USC. De setembro do 2020 a setembro do 2022 exerceu como portavoz do grupo municipal de Compostela Aberta e no mandato 2015-19 foi concelleira de Igualdade, Turismo, Emprego, Comercio e Promoción Económica

Pilar Gil Romero

Veciña de Sar, nacida en 1965. É funcionaria da Xunta de Galicia, na Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

Flora Miranda

Veciña das Fontiñas, médica de familia e activista na defensa da Sanidade Pública e no feminismo. Foi deputada no Parlamento galego.

André Seoane

Veciño de Vista Alegre. Activista na divulgación e defesa do património histórico e representante dos traballadores nas Instalacións Deportivas Municipais do Concello de Santiago

Eli Cabeza Romero

Veciña de Laraño. Licenciada en Ciencias Políticas pola USC, activista na política e no asociacionismo cultural desde moi nova, e coordinadora de produción de eventos culturais e de música ao vivo, con especial dedicación á promoción da igualdade de xénero na industria musical.

Antonio Pérez Casas

Veciño do barrio de San Pedro, responsable da rede de datos na Universidade de Santiago, e membro do Consello de Goberno e do Consello Social da USC en representación do Persoal de Administración e Servizos (PAS)

Natalia Paleo

Doutora e profesora de Ciencia Política na USC e veciña da Lavacolla. Especialista en xestión pública e no desenvolvimento de políticas municipais de xénero en Galicia.

Josinho Mera

Veciño de San Martiño Pinario. De familia hostaleira, é somelier titulado polo Instituto Galego do Viño, cunha longa traxectoria no mundo da coctelería. Foi investigador de licores no Celler de Can Roca, e mantén unha intensa actividade en prol dunha Compostela Gastronómica.

Soledad García Río

Traballadora do Servizo de Axuda no Fogar de Santiago desde hai máis dunha década, e fai parte do comité de empresa de Servisar

Rafa Peña

Veciño de Lavacolla, traballador do servizo de atención a persoas con mobilidade reducida no aeroporto Rosalía de Castro. Foi concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial no Gobierno de Compostela Aberta

Noa Morales

Concelleira de Deportes, Mocidade e Benestar Animal durante o pasado mandato, é licenciada en Ciencias Políticas pola USC, na rama de Relacións Internacionais, e cun mestrado en Estudos Árabes e Islámicos pola Universidade Autónoma de Madrid. Reside na Pontepedriña.

Manolo Dios

Mestre cunha longa traxectoria política e sindical, fundador e presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz. Foi concelleiro de Educación e deputado provincial por Compostela Aberta no pasado mandato municipal.

Concha Fernández

Doutora en Psicoloxía Política e profesora de intervención sociocomunitara no CIFP Compostela, Foi concelleira de Políticas Sociais no Goberno de Martiño Noriega.

Carminha Naveiro

Nacida en San Pedro e veciña de San Lázaro, é presidenta do comité de empresa de Zara na provincia da Coruña pola CIG. É membro da Executiva Comarcal da CIG en Compostela, e da executiva comarcal da CIG-Servizos. Dependenta de Zara no CC AS Cancelas.

Marilar Aleixandre

Profesora, escritora, Premio Nacional de Narrativa de 2022, e membro da Real Academia Galega. Activista feminista.

Martiño Noriega

Médico de familia nas Fontiñas, portavoz nacional de Anova, e alcalde de Santiago durante o período 2015-2019.