O Goberno local de Santiago revólvese contra os orzamentos presentados pola Xunta: "Son decepcionantes"

 Goretti Sanmartín: "A Xunta computa coma se fosen para Compostela infraestruturas que son para todo o país"

A alcaldesa explica que sobre o Consorcio "Estado e Xunta están á espera de quen sobe a contía primeiro"

A alcaldesa de Santiago na rolda de prensa trala xunta de goberno local

A alcaldesa de Santiago na rolda de prensa trala xunta de goberno local / ECG

Na súa comparecencia semanal dos luns para dar conta dos acordos da xunta de goberno local, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, quixo aproveitar para falar do contido doa orzamentos presentados pola Xunta e pendentes de discusión e aprobación no Parlamento galego.

"Unha vez analizados máis a fondo, o Goberno local considera os orzamentos da Xunta, decepcionantes", afirmou Sanmartín, que tamén indicou que "continúan a liña dos últimos anos".

A alcaldesa denunciou que hai algo prexudicial para a cidade, e é que "a Xunta computa como se fosen para Santiago infraestruturas que son para todo o país". Falaba así Sanmartín en relación á partida para a Cidade de San Caetano ou o Centro de Protonterapia, que está dirixido "a toda a área sanitaria, Santiago-Barbanza". Polo que o executivo local considera que non ten repercusión directa na veciñanza compostelá.

"Os 19,2 millóns dos edificios administrativos de San Caetano impútanse a Santiago, igual que os 14,8 do Centro de Protonterapia", indicou Sanmartín, "en cambio o que si corresponde á cidade, coma o Consorcio, mantense igual que noutras anualidades". 

A alcaldesa indicou que o orzamento corrente do Consorcio está en 1.800.000 euros, máis outro millón de capital, e denunciou que entre o Estado e a Xunta parece que estan "agardando" que suba primeiro a contía a outra administración.

Sanmartín denunciou que sen incrementar as partidas do Consorcio non se poderán levar a cabo as obras no interior do Pazo de Congresos, e quedarase só nas obras das cubertas, "cando a Xunta sabe da necesidade das obras interiores, e entendemos que se modificará a cantidade".

Estatuto da capitalidade

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, referiuse á ausencia dun incremento da partida orzamentaria correspondente a Santiago por ser a capital de Galicia. "O presidente da Xunta non se comprometeu a incrementala, senón a estudala, pero nós pediramos que se estudase antes da presentación dos orzamentos", dixo Sanmartín en referencia aos acordos acadados na xuntanza co presidente galego, Alfonso Rueda, o pasado 2 de outubro.

"Cremos que se está a tempo de facer un incremento progresivo e instamos á Xunta a modificar esa contía antes da aprobación definitiva no Parlamento". "Os case 2.400.000 que achega a Xunta pola capitalidade non cobre o 30% dos custos reais segundo os nosos estudos", insistiu a alcaldesa. "Non se contaba con ampliar a contía este ano pero sería un xesto de boa vontade que a Xunta estudase o incremento antes de aprobar os orzamentos", engadiu Sanmartín. O Goberno local considera "preceptivo, que se convoque a comisión da capitalidade antes da elaboración definitiva dos orzamentos.

Outras demandas históricas

Máis alá da cuestión da capitalidaze, a alcaldesa lamentou que non se atendesen demandas históricas da cidade coma o novo edificio da EOI, o Conservatorio de Danza, ou os novos centros de Conxo (Saúde) e Fontiñas (Centro de día). E tamén fixo referencia a que en cuestións como a vivenda pública se traten no borrador de orzamentos da Xunta "se trate du ha partida xenérica", sen facelo especificamente no caso de Compostela, cando si se chegara a acordo o pasado 2 de outubro e para o que o Concello puxo a disposición da Xunta parcelas municipais.

A alcaldesa tamén fixo mención a que o borrador dos orzamentos da Xunta se refire, e así o mencionaron membros do Partido Popular local a pasada semana, á “materialización” de certas cantidades para varios centros de ensino da cidade, entre eles o Eduardo Pondal, “pero aparecen conceptos globais”, explica Goretti Sanmartín. Nesa liña a alcaldesa solicita que no seu momento se poidan especificar estas “partidas xenéricas”.

Así mesmo reclama que non se tiveran en conta neste borrador orzamentario da Xunta o Centro de Día de Fontiñas, a mellora dos equipamentos deportivos ou o saneamento e abastecemento do rural, “ao que si se comprometera o presidente da Xunta”. 

Sobre a mobilización da vivenda baleira, Sanmartín, especificou que o “compromiso da Xunta nos últimos anos foi reducidísimo e agardamos que se nos diga canto da partida xenérica nos corresponde e o prazo no que se vai desenvolver”. A preguntas do xornalista sobre a ocupación destas vivendas, Sanmartín aseverou que “a ocupación non é un problema na cidade, si o son a vivenda baleira e mais a falta de vivenda pública”. 

Acordos da xunta de goberno

Ademais da aprobación do procedemento de concorrencia para a selección da entidade colaboradora que poñerá en marcha os ‘Bonos corazón’, anunciados tamén onte pola concelleira de Promoción económica, María Rozas, a alcaldesa de Santiago deu conta doutros acordos aprobados na xunta de goberno local. Un destes acordos foi aprobación definitiva do proxecto de expropiación por taxación conxunta para a creación da plataforma loxística de “intercambio de mercadorías”, da que se fará xa a valoración individual dos bens a expropiar. 

Tamén se aprobou o expediente de contratación das obras de Rehabilitación de firmes de vías urbanas 2023, cun orzamento de 358.535,1 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de catro meses, que afectará ás rúas: da Presa, do Campo de Santa Isabel, de Vite de Abaixo, do Burgo das Nacións, da rúa Pilar Miró, Tambre, San Caetano, Casas da Hedra e travesa das Casas da Hedra. 

O Concello de Santiago e a Fundación Educación e Deporte aprobaron o seu convenio de colaboración para o ano 2023 por un importe total de 20.000 euros.