O Goberno local denuncia que o orzamento da Xunta obvie un aumento pola capitalidade

O PSdeG tamén critica que non se suba a contía para o Consorcio e non se fale do aparcamento do CHUS

O Goberno local denuncia que o orzamento da Xunta obvie un aumento pola capitalidade

O Goberno local denuncia que o orzamento da Xunta obvie un aumento pola capitalidade

As partidas orzamentarias que a Xunta destina ao Concello de Santiago non satisfán nin ao Goberno local nin á oposición socialista. Entre outras das ausencias que destacan ou das demandas que fan coinciden en que non se destine nada ao aparcamento do Clínico ou non se incremente a achega do Estatuto de capitalidade, coa administración autonómica se comprometeu o pasado 2 de outubro.

 “Nunha primeira análise, fáltannos moitos investimentos claves e necesarios para Compostela”, afirma a portavoz do grupo municipal, Míriam Louzao. En relación á capitalidade de Santiago, Louzao destaca, “na cantidade prevista para o Estatuto de Capitalidade, nós reclamamos que se constituíse a comisión de seguimento antes de elaborar estes orzamentos pero, de non ser posible, entendiamos que o lóxico é que se aumentase algo, toda vez que o presidente da Xunta recoñeceu que esta cifra necesitaba actualizarse”.

O Consorcio da cidade é outra das demandas do BNG, CA e PSOE á Xunta. “Botamos en falta o aumento da cantidade para o Consorcio de Santiago, que aparece igualmente conxelada”, comenta Louzao, que denuncia que “o señor Rueda comprometeuse a estudar un aumento na partida do Consorcio do ano que vén para destinala a esta cuestión, pero non o recollen os orzamentos”.

“Queremos amosar a nosa sorpresa ao feito de que non apareza ningunha cantidade para a posta en marcha do aparcadoiro do Clínico”, asegurou a portavoz, “por todo isto, queremos pensar que os orzamentos sufrirán algunha modificación”.

Nunha liña moi semellante pronunciábase tamén o exconcelleiro Sindo Guinarte (PSdeG). “Nunha primeira ollada o que se prevé para Santiago volve ser máis do mesmo, o pouco ou nulo interese do presidente da Xunta por Santiago”. 

“Os grandes investimentos, como os venderá a Xunta, son dous millón de euros para unha obra no Monte do Gozo que non terá repercusión nas veciñas e veciños”. Ademais desta denuncia, Guinarte tamén fai referencia á remodelación do Centro de Saúde de Conxo, porque asegura “vai contra o que a veciñanza e o propio Grupo socialista reclaman dende hai tempo, que é un novo centro de saúde”. 

Na súa intervención para os medios, Sindo Guinarte conclúe que non hai “nada de incrementar a achega á capitalidade, tampouco ao Consorcio e, por suposto, nada para o aparcamento do CHUS”. O socialista tamén recorda que esta partida para Compostela fixada nos orzamentos da Xunta tampouco se lembran do “Conservatorio de Danza, nada para a Escola Oficial de Idiomas e nada para o Centro de Día de Fontiñas”.