Guinarte acusa ao candidato do PP de non facer nada para que o CHUS teña o parking que merece

Esixe á Xunta recibir o mesmo trato que outras cidades que van ver ampliados os seus hospitais, como Pontevedra ou A Coruña

Aspecto que ofrece habitualmente el aparcamiento del Clínico.

Aspecto que ofrece habitualmente el aparcamiento del Clínico. / ECG

Lexos de albiscar un punto de encontro que permita avanzar na construción do futuro aparcadoiro nas inmediacións do CHUS para prestar servizo nunha zona saturada entre semana de usuarios que non atopan onde deixar os seus vehículos, a guerra de declaracións continúa.

Se o sábado era o candidato do Partido Popular á alcaldía, Borja Verea, o que arremetía contra a nova proposta de Raxoi sobre a parcela de edificación, este domingo o goberno local recalcaba a este xornal que “segue coa folla de ruta inicial” e previsiblemente levará este luns a cesión da parcela situada ao carón do CiMUS para situar alí un aparcadoiro que lle dea servizo ao CHUS con 480 pazas, e que permita destensionar a contorna da Choupana.

O tenente de alcalde do Concello de Santiago, Sindo Guinarte.

O tenente de alcalde do Concello de Santiago, Sindo Guinarte. / Koro Martínez

“Levamos 4 anos solicitándolle á Xunta esta actuación, ofrecéndolle esta parcela, incluso solicitámoslle ser nós os que xestionan o tráfico na zona do Clínico, pero o que sempre nos atopamos foron escusas de mal pagador”, explica o voceiro do grupo de goberno, que asegura que “con este paso xa non se admiten escusas, ou inician a obra ou lle explican aos veciños por que merecen menos que Pontevedra ou A Coruña”.

Pontevedra e A Coruña son outras das grandes cidades que van a ver ampliados os seus hospitais, pero cun cambio respecto da ampliación que se contempla no CHUS compostelán: nos seus proxectos si que aparece contemplado un aparcadoiro que acompañe ese incremento da capacidade asistencial dos centros, segundo explican desde o Concello compostelán nun comunicado.

“Levamos catro anos solicitando á Xunta esta actuación, e o que nos atopamos foron sempre escusas de mal pagador”

“No noso caso non é así, pedimos explicacións e desde decembro estamos agardando unha reunión coa Consellería de Infraestruturas para abordar os temas da conectividade do hospital, mais parece que nada se move e o único que fan é mandar ao seu representante en Santiago, Borja Verea, para defender os intereses da administración autonómica” algo que “non parece moi compatible con querer ser alcalde cando o único que fas é ir en contra dos intereses da cidade que aspiras a gobernar”, recalca o tenente de alcalde.

“Ata o de agora a desculpa do Sergas era que non tiñan un terreo onde ubicar o aparcadoiro, agora terán que decidir se aceptan a parcela ou non”, explica, e di que “o que lle vamos a quitar é a desculpa, e o que veremos é se hai vontade ou a súa intención é seguir enredando”, algo que “non me sorprendería vendo a reacción do candidato conservador”.

Precisamente a aparición “deste novo actor”, asegura en referencia a Borja Verea, “semella ser un elemento de cambio nas relacións institucionais que se mantiñan ata o de agora coa administración autonómica”, e engade que “ata que entrou en escena había cordialidade e colaboración entre administracións, pero desde entón, o benestar da veciñanza xa non parece a prioridade que antes compartiamos”.

Guinarte lembrou que o Concello aportou dous aparcamentos “para servizo do centro hospitalario”, que suman “preto de 800 prazas”: o de rotación de Santa Marta, que é de balde, e o soterrado que hai a carón do Clínico. E agora, di, “ofrecemos un terreo para un novo aparcamento que, entendemos, por razóns de xustiza, debería ser equivalente ao resto de aparcamentos que son titularidade do Sergas”, nas principais cidades galegas, caracterizados, engadiu, “por unhas tarifas máis modestas”, e nos que o investimento, recorda, “foi asumido pola consellería”.