As Leilía despídense dos palcos "moi orgullosas do que fixemos"

Ofrecen o seu derradeiro concerto o 13 de xaneiro ás 20.30 h no Auditorio de Galicia

O espectáculo 'Anque me vou, non me vou' recolle temas do último disco 'Vidas cantadas' e coplas tradicionais da formación

As entradas para este sábado xa están esgotadas

A alcaldesa de Santiago recibe as Leilía no Concello

Jesús Prieto

Leilía deixa os escenarios e os estudos de gravación logo de 34 anose faino ofrecendo o seu derradeiro concerto na capital de Galicia este sábado 13 ás 20.30h. no Auditorio de Galicia. Este foi o motivo da recepción que lles ofreceu a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, na mañá deste xoves no Pazo de Raxoi a Ana, Rosario, Montse, Felisa, Patricia e Mercedes que, como non podía ser doutro xeito, encheron de música de pandeiretas o salón amarelo do Consistorio.

Goretti Sanmartín destacou na rolda de prensa de presentación do espectáculo Anque me vou, non me vou a “ligazón de Leilía con Santiago”, afirmou que foron “pioneiras” como o foi “Rosalía de Castro” e recoñeceulles o feito de “dar dignidade ao que facían as mulleres nas festas, nas torreiras...” ademais da importancia do labor de recolleita da formación musical e da súa influencia en grupos como Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra.

A alcaldesa, que fixo referencia á emoción deste concerto de despedida facendo a brincadeira “non sei se haberá que vir choradas da casa, supoño que choraremos alí un pouco tamén”, lembrou que a formación pronunciou este 25 de xullo o pregón das Festas do Apóstolo con gran éxito de público.

Aínda que Sanmartín preferiu falar do “derradeiro concerto da xira Anque me vou, non me vou pero do último concerto de Leilía”, Felisa Segade insistou en que se trata do “derradeiro concerto”. “Pechamos o círculo que iniciamos hai máis de 30 anos, é unha decisión consensuada e tomada hai tempo”.

A pandeireteira reafirmouse, “gústanos o que facemos e estamos moi orgullosas do que fixemos” e referiuse á tarefa de Leilía de “desligar” a música de pandeireta do grupo de baile e á posta en valor “das composicións que as nosas avoas inventaban”, porque un dos obxectivos da formación foi o de “dar a coñecer o legado musical que nos deixaron”.

Rolda de prensa posterior á recepción no Pazo de Raxoi

Rolda de prensa posterior á recepción no Pazo de Raxoi / Concello

Felisa Segade explicou tamén que un dos motivos da despedida é que “non nos gusta facer as cousas a correr”, e no mundo de hoxe coas redes sociais a dinámica de Leilía non cadra, “decidimos todo entre as seis”, unha forma de traballar que require de tempo, explicaba a pandeireteira.

Pola súa parte, Ana Rodríguez, visiblemente emocionada, agradecía o arroupamento do público, “non podemos saír por unha porta máis grande” e lamentaba que pola época do ano na que se celebra o concerto non se poida facer ao aire libre e teña que limitarse ás mil persoas que o sábado encherán o Auditorio de Galicia para gozar de Anque me vou, non me vou, que en pouco máis de 3 horas esgotaron as localidades.

“Fixemos un traballo necesario para o país, de reivindicación e significación”, afirmaba Ana Rodríguez en referencia ao traballo de Leilía colleitando as coplas que compoñían e cantaban as mulleres galegas. “O noso labor está feito”, concluía en referencia ao labor de formacións novas coma Mondra ou Caamaño&Ameixeiras, entre outras, “que seguen a crear as súas coplas con temas de hoxe”.

O sábado, o Auditorio acollerá, ademais dun percorrido polo repertorio clásico da formación e polos temas do disco Vidas cantandas, unha exposición, da que Leilía non quixo desvelar o contido, como tampouco quixo adiantar ningunha das sorpresas que se irán producindo durante o concerto. Pero as integrantes do grupo si fixeron un anuncio, o de convocar os asistentes ao concerto a que acudan cunha pandeireta, que será a protagonista da foto final.

Unha imaxe de despedida que está vencellada coa primeira e a última portada de senllos discos de Leilía, a primeira unha pandeireta con cravos e a última o mesmo instrumento pero desta volta con flores. “Fomos mulleres bravas”, reivindicaba Ana Rodríguez, ao lembrar esa primeira maqueta e o significado da portada, polas dificultades de sacar do cotián e subir ao palco á música e o canto das pandeireteiras. Un pulo que deu en que “agora haxa flores, recollemos o froito dese traballo”, aseguraba Ana Rodríguez, para despedirse cun “sempre en nós e para vós, Leilía”.