Macroxuízo no Xulgado 3 de Santiago: dez detidos por menudeo expóñense a penas de 2 a 9 anos de cárcere

Piden para un dos detidos 8 anos de prisión por delicto contra a saúde pública e 6 por blanqueo e case 2.300.000 euros de multa

Na semana do 15 de xaneiro os Xulgados de Fontiñas acollen o macroxuízo por tráfico de drogas

Na semana do 15 de xaneiro os Xulgados de Fontiñas acollen o macroxuízo por tráfico de drogas / ECG

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago acolle dende o luns 15 de xaneiro o macroxuízo oral a 10 persoas detidas por tráfico de estupefacientes, a Fiscalía pide para eles dende 2 anos e 9 meses até 9 anos de prisión por delictos contra a saúde pública, en todos os casos, e blanqueo de capitais e tenza ilícita de armas no caso de dous dos individuos arrestados en novembro de 2018.

A banda, que operaba nas localidades de Santiago, A Coruña, Bertamiráns, Culleredo e Cambados comezou a ser investigada pola Policía Xudicial en decembro de 2017, unhas pesquisas que se alongaron até xaneiro de 2020 e que culminaron coas detencións de ‘Toto’ en xullo de 2018, a outro traficante sen antecendentes até o momento, en setembro dese ano, e co apresamento dos outros oito individuos no mes de novembro de 2018.

A actividade que desenvolvían consistía, sobre todo, no tráfico de cocaína e haxix, pero no rexistro practicado no domicilio dun dos acusados (o número 3), de Santiago de Compostela, atopouse tamén MDMA (metanfetamina). O prezo das substancias atopadas na vivenda superaría no mercado ilícito os 40.000 euros: 685 gramos de MDMA por valor de 28.611 euros; 73 gramos de cocaína por valor de 7.926 euros;2CB (cocaína rosa) cun valor de 106 euros; 547 gramos de resina de cánnabis cun valor de 3.121 euros; e 59 gramos de cánnabis cun valor de 320 euros.

No mesmo lugar atopáronse elementos coma unha báscula de precisión, unha envasadora e unha pistola de aire comprimido. Este detido carecía ata entón de antecedentes penais e gardaba tamén na casa anotacións que o vecellaban con outros dos presos, o denominado ‘Jeff’ con antecedentes penais que non son compatibles coa aplicación do agravante de reincidencia e para o que a Fiscalía pide 7 anos de cadea e imponlle unha multa de 59.000 euros.

O primeiro membro da banda en ser detido era coñecido como ‘Toto’, e Policía Xudicial investigaba a súa actividade delictiva dende o mes de febreiro do ano 18. A súa detención produciuse o 12 de xullo, cando xa lle constaba á policía que ‘pasara’ cocaína en Bertamiráns e Santiago e cadansúa data dos meses de maio e xuño.

No rexistro da súa vivenda no concello de Ames incautáronse 1.100 euros e varios paquetes de cocaína por valor de 300 euros na vivenda dos avós maternos, en Brión, agochadas no repousacabezas dun vehículo sinistrado. ‘Toto’ conta con antecedentes “cancelables” pero non cancelados e a Fiscalía pide para el 4 anos e 9 meses de prisión ademais de imporlle unha multa de 900 euros.

O acusado número 4, a cuxos antecedentes non se lles pode aplicar o agravante de reincidencia, sábese que trapicheaba na zona de Fontes do Sar. No rexistro practicado na súa vivenda en Compostela acháronse 105 gramos de cocaína, 12 de resina da cánnabis e 4 de cánnabis, así como diversas substancias para preparar as doses doutros estupefacientes como ácido bórico, lidocaína e tetracaína, unha báscula de precisión, un billete de 100 euros e 9 billetes de 50 euros procedentes de diversas transaccións de drogas, haxix e 8 gramos de marihuana.

O prezo de todas estas substancias no mercado negro ascendería a máis de mil euros. E tamén en Santiago foi detido o acusado 9, sen antecedentes até entón. No seu domicilio atopouse marihuana por valor de máis de 900 euros e dúas balanzas de precisión.

O acusado 10, tamén compostelán, encargouse do almacén e entrega a distribuídores de MDMA, cocaína, LSD e haxix, mentres o acusado 3 se atopaba de viaxe polas illas Filipinas. No rexistro da vivenda do acusado 5 en Boqueixón achouse unha pistola de cartuchos armados con bala blindada do calibre 6,35 e punzonado co cargador municionado con oito cartuchos sen detonar do calibre 6.35 en perfecto estado e polo tanto apta para ser disparada e instrumentos para o cultivo da marihuana en interior.

Cambados, Oleiros e Culleredo

Catro dos acusados neste macroxuízo era veciños das localidades de Culleredo (o acusado 7, con antecedentes sen agravante de reincidencia), Oleiros (’Jeff’, o acusado 8, igulamente con antecedentes sen agravante) e Cambados (os acusados 6 e 1).

O número 6, alias ‘Facha’, tamén con antecedentes sen agravante e o 1, que non desempreñaba actividade laboral ningunha, ademais do tráfico de drogas cometeu un delicto de blanqueo, para o que abriu diversas contas por breves períodos de tempo en varias entidades bancarias, con cantidades de ingreso e cargo que superan os 460.000 euros.

As penas

A Fiscalía pide para cada un dos acusados as seguintes penas e imposición de multas. Para o acusado 1 pide 8 anos de prisión por delictos contra a saúde pública, 6 por blanqueo e multas de 59.000 e 2.233.571 euros, respectivamente. Para o acusado 2, ‘Toto’, pide 5 anos e 9 meses de cadea e unha multa de 900 euros. Para o acusado 3 a Fiscalía pide 8 anos de prisión e unha multa de 116.643 euros.

Para o acusado número 4 a pena é de 4 anos e 9 meses de cárcere e unha multa de 3.295 euros. E para ‘Pistachín’, o acusado número 5, a pena que se pide é de 2 anos e 9 meses por delicto contra a saúde pública e 1 e dez meses por tenza ilícita de armas. 

Unha pena de 6 anos pídese para ‘Facha’ o acusado número 6, e unha multa de 189.400 euros. Para o acusado 7 pídense 7 anos de prisión e multa de 59.000 euros, a mesma pena de prisión e multa para ‘Jeff’, acusado 8. Para o acusado número 9 pídese unha pena de 2 anos e 9 meses e 1.979 euros de multa e para o acusado 10 a pena de cárcere que se pide ascende a 5 anos e 3 meses.