As alumnas da USC superan en rendemento aos seus compañeiros en seis de cada 10 graos

Aprobaron máis créditos ca eles en 31 de 51 carreiras ofertadas no curso pasado

O doble título en Educación Infantil e Primaria, o que ten a mellor taxa de aprobados

Alumnado da Universidade de Santiago no Campus Sur, situado ao lado da Facultade de Dereito

Alumnado da Universidade de Santiago no Campus Sur, situado ao lado da Facultade de Dereito / Jesús Prieto

As alumnas das aulas da Universidade de Santiago superan en esforzo e adicación aos seus compañeiros. Durante o curso académico 2022-2023, o rendemento das mulleres foi superior en seis de cada dez graos, tendo en conta que dos 19.995 estudantes matriculadas en grao, 12.757 eran mulleres.

A taxa de eficiencia, ou de rendemento dos egresados, ten a seguinte definición dacordo co Manual de Indicadores e Informes USC aprobado pola Comisión de Calidade e Planificación delegada do Consello de Goberno celebrado o pasado 28 de xullo de 2023: “relación porcentual entre o número total de créditos que superou un/unha estudante ao longo da titulación na que egresou e o número total de créditos dos que se matriculou”.

A taxa xeral media de rendemento dos egresados na institución compostelá no curso 22-23 foi do 89,35 %. Por áreas de coñecementos, nas que hai un mellor resultado son Ciencias Sociais e Xurídicas cunha taxa de rendemento do 92,13 %, seguida de Ciencias da Saúde (91,75); Ciencias (90,63); Artes e Humanidades (89,7) e Enxeñaría e Arquitectura (80,46%). 

A vicerreitora de Titulacións da USC, María José López Couso, fai unha valoración da situación, sen apostar por unha mellora do dato global para a universidade nos vindeiros anos. “Falamos de elementos cuantitativos, tendencias vinculadas a circunstancias concretas, que son difíciles de prever sobre a súa dinámica no tempo. De aventurar un posible comportamento, o máis acaído sería apuntar a unha estabilidade con mínimas variacións”, comenta.

López Couso incide en que “as estatísticas son un dato que axuda a comprender a natureza dun determinado acontecemento, pero que non o xustifica plenamente”. Ademais, unha taxa de rendemento “non deixa de ser unha operación matemática entre os créditos matriculados por unha persoa e os créditos superados. Non son indicativos, por tanto, da dureza ou da facilidade para superar uns estudos”.

Dos datos facilitados pola universidade apréciase que hai un total de 31 titulacións nas que as mulleres teñen maior taxa de rendemento do total de egresados/as.

Dentro desa trintena de titulacións nas que se ve unha maior diferenza na taxa de créditos aprobados por sexo é Xeografía e Ordenación do Territorio (19,05 %) co 95,24% nas alumnas e o 76,19 % nos seus compañeiros; Filoloxía Clásica (11,45 %) con 92,66% a taxa feminina e 81,21% a masculina e Odontoloxía (11,20%), onde a taxa de rendemento nas universitarias é do 98,37% e a dos seus compañeiros sitúase no 87,17%.

Por outra banda, son 20 as titulacións nas que os alumnos conseguen aprobar máis créditos que elas, habendo dúas titulacións nas que a diferenza é máis acuciante e supera o 20%. Son Enxeñaría Civil cunha taxa do 80,02% en universitarios e un 52,03% nas súas compañeiras, o que se traduce nunha diferenza do 27,99%, e Ciencias da Cultura e Difusión Cultural co 100% nos homes e o 76,39% mulleres. A diferenza neste caso é do 23,61 por cento.

López Couso transmite que as altas cualificacións de acceso precisas para acceder a algúns dos anteriores estudos é unha das variables que incide no resultado de rendemento.

Os estudos con maior tasa de créditos aprobados por parte delas en liñas xerais son o doble grao en Mestre de Educación Infantil e Mestre de Educación Primaria (99,72%), onde se graduaron o curso pasado 30 estudantes; Robótica (99,17%), con 21 egresados, e grao en Mestre ou Mestra de Educación Primaria (98,51%), con 159 egresados.

Sobre os anteriores datos a vicerreitora de Titulacións comenta que a imaxe que deixa a taxa de rendemento podería ter unha hipotética explicación en dúas variables. Por unha parte, aos dobres graos ou a titulacións como Robótica “accede estudantado coas altas cualificacións nas probas de acceso aos estudos universitarios, o que a priori pode ser indicativo de que son estudantes cun nivel de esixencia por enriba dos indicadores medios”. 

“Podemos falar dun excelente rendemento de ambos xéneros en novas titulacións como Robótica ou Criminoloxía”

María José López Couso

— Vicerreitora de Titulacións da USC

Pola contra, onde hai peores resultados son Enxeñaría Civil (52,03%), con 12 egresados/as; o grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural (58,37%) con sete egresados; e a Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria (65,09%) con 13 egresados/as. Sobre isto Couso sinala que a fotografía das titulacións con indicadores de rendemento máis baixos “está condicionada polo feito de que o número de persoas que cursan estes estudos son unha mostra de dimensións máis reducidas o que, igualmente, condiciona a representatividade dos resultados a modo de tendencia”.

Entre os universitarios hai tres titulacións nas que a taxa de rendemento é do 100 %. Estas son Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, o dobre grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e en Enxeñaría Forestal e do Medio Naturale o o dobre grao en Mestre de Educación Infantil e en Mestre de Educación Primaria. No caso das alumnas non hai ningunha titulación na que o rendemento fora o máximo posible. A maiores atópanse nas posicións máis altas Xeografía e Ordenación do Territorio na 2º edición (99,17%), con 10 egresados, Pedagoxía (98,83%) , con 66 egresados e Criminoloxía (98,75%), con 43 egresados.

As titulacións nas que os universitarios aprobaron menos créditos son Enxeñaría Forestal e do Medio Natural (65,95%); Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais (71,33%) e Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria (74,65%).

A vicerreitoría de Titulacións da institución compostelá móstrase satisfeita cos resultados acadados no pasado curso, resaltando o “excelente rendemento que ambos xéneros obteñen en novas titulacións” como Robótica (95,8%/99%, masculino/femenino), Biotecnoloxía (96%/97,31%) ou Criminoloxía (98,7%/96,4%).