Aberto o prazo de solicitude das tarxetas de residente para as novas rúas de zona ORA

A Xunta de Goberno local aprobou a creación de prazas ORA na contorna do Clínico e modificacións en zonas reservadas ao estacionamento de residentes

Aspecto habitual do Hospital Clínico de Santiago con todas as prazas de aparcamento ocupadas

Aspecto habitual do Hospital Clínico de Santiago con todas as prazas de aparcamento ocupadas / Jesús Prieto

Redacción

O Concello de Santiago informou este martes que os cidadáns que cumpran os requisitos establecidos na ordenanza municipal da ORA para obter o distintivo de residente por domicilio, por traballo ou actividade profesional ou por municipio poderán solicitar o correspondente distintivo de aparcamento para as novas rúas de zona azul ORA e de zona verde aprobadas polo goberno local.

Foi na xunta de goberno do 5 de febreiro cando Raxoi aprobou a creación de prazas da ORA na contorna do Hospital Clínico, tal e como estaba xa anunciado, así como modificacións en diferentes zonas reservadas ao estacionamento de residentes. O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, explicou este luns que os cambios “responden por unha banda á alta demanda de aparcamento vinculada á situación do CHUS, e pola outra ao estudo sobre a ocupación das zonas verdes e a peticións que foron achegadas pola veciñanza”.

Zona ORA nos arredores do CHUS

Na contorna do Hospital Clínico, a xunta de goberno acordou incorporar ao sistema ORA un total de 287 prazas, situadas na avenida de Barcelona (110 prazas), a rúa de Antonio Rama (32 prazas), rúa Manuel Caeiro (16 prazas), avenida de Bilbao (43 prazas), rúa Sempre en Galiza (40 prazas), e a rúa Valentín Varela Iglesias (22 prazas), así como outras 24 prazas que combinarán franxas horarias de ORA e de carga e descarga nas rúas Antonio Rama e na avenida de Barcelona.

Estas prazas funcionarán baixo o réxime xeral da ORA pero sen obriga de rotación, de maneira que se poderá renovar o tíquet cada dúas horas sen obriga de mover o vehículo. Duro insistiu en que o obxectivo “é evitar a presenza dos chamados vehículos ventosa, aqueles que permanecen estacionados na mesma praza durante longos periodos de tempo, habitualmente durante a semana laboral”.

Outras modificación na ORA

Ao tempo, o goberno local acordou diferentes modificacións na zona 9 de Santa Marta. Unha delas aféctalle ao barrio de Santo Ignacio de Loyola, onde se reservarán 11 prazas para residentes 24 horas, e outras 7 para residentes en horario nocturno. Na rúa Doutor Maceira, acordáronse dous cambios: entre os números 10 e 14 habilitaránse 10 prazas para residentes 24 horas, que na actualidade son para residentes só en horario nocturno; mentres que na parte baixa da rúa, a marxe dereita será de estacionamento libre unha vez finalizada a ORA, habida conta dos baixos niveis de ocupación nocturna por residentes.