Xan Duro: "A zona ORA na contorna do CHUS é un apoio a unha solución que ten que dar a Xunta"
O edil de Mobilidade de Santiago asegura que lle trasladou á veciñanza de Santa Marta-Choupana as iniciativas locais de cara a aliviar a problemática do estacionamento na zona

Os pacientes do CHUS padecen serias dificultades á hora de estacionar no complexo hospitalario / Jesús Prieto

"A implantación da zona ORA na contorna do Hospital Clínico é un apoio, unha complementariedade a unha solución que ten que dar a Xunta de Galicia". Así respondía ás críticas da oposición local o edil de Mobilidade de Santiago, Xan Duro, que aseguraba tamén que a medida foi exposta por el mesmo á veciñanza e "posiblemente a próxima semana me achegue ao barrio, se eles teñen dispoñibilidade, para axustar detalles dalgunhas necesidades que teñen".
Dende que o Goberno local presentou o informe de mobilidade co que acudirá á xuntanza do vindeiro 30 de xaneiro cos titulares das consellerías de Infraestruturas e Sanidade, tanto dende a Xunta como dende a oposición na Corporación non deixaron de sucederse as opinións e as críticas, sobre todo, a intención do bipartito de implantar a zona ORA en rúas próximas ao CHUS e o incremento das liñas de autobuses cuxo contrato está aínda pendente de licitación e sen data.
"A responsabilidade de resolver a cuestión de mobilidade no CHUS non é municipal", insiste Duro, "é unha responsabilidade do Sergas, da Xunta de Galicia" e neste sentido o edil de Compostela Aberta pón unha e outra vez enriba da mesa que a solución "máis alá de ampliar o párking" pasa porque o Goberno autonómico "cree un plan de transporte ao traballo para o seu persoal, que ocupa o 70% das prazas de aparcamento dende ás 07.00 horas".
Aos comentarios do edil socialista Gonzalo Muíños, que criticaba a falta de diálogo do Goberno local tanto coa veciñanza coma coa oposición, Xan Duro respondía que se trataba "máis dunha problemática de titular que de realidade" e aseguraba que si trasladou a iniciativa veciñanza. "Falei cos veciños no mes de novembro explicando o que pensabamos facer, logo eles pediron unha xuntanza noutro ámbito, non comigo, e debeu ser aí cando se atascou o encontro".
Xan Duro tamén fixo referencia a que a veciñanza non se verá prexudicada pola implantación da zona ORA xa que se trata "de rúas con edificios novos nos que todos os residentes teñen praza de garaxe" e asegurou que na área da Choupana, "na zona das casas de planta baixa non se mudará o sistema actual" que lembrou que implatou el mesmo durante o mandato de Compostela Aberta (2015-2019).
O concelleiro de Mobilidade reafirmouse en que a solución da ORA nos arredores do hospital trata de promover a rotación no estacionamento e evitar que aconteza o que xa sucede no aparcamento gratuíto de Santa Marta onde "se teñen detectado, algúns días, ata 70 vehículos "ventosa", aqueles que permanecen estacionados aproveitando a gratuidade durante toda a semana.
Poñerse de acordo o día 30
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, fixo este venres referencia á xuntanza entre Concello e Xunta, fixada para o martes 30, de cara a resolver o problema de mobilidade nos arredores do Clínico. “É deber das dúas administracións chegar a un acordo para resolver o problema, que fundamentalmente é o da mobilidade”, afirmou.
Pero Ethel Vázquez tamén fixo referencia a que a o primeiro debía ser “a ampliación, que xa se está a executar” e en segundo lugar “resolver a mobilidade, por iso sorprende que dentro das propostas do Concello de Santiago se inclúa a creación dun parque arqueolóxico”. Vázquez asegurou que “a Xunta opina o mesmo que a cidadanía de Santiago, a creación dun parque arqueolóxico non resolve os problemas de mobilidade do CHUS”.
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas
- El electricista que ilumina Santiago: «Calquera rúa do casco vello con luces de Nadal é máis bonita que unha de Vigo»
- Accidente en Santiago: los bomberos trabajan para liberar a posibles víctimas atrapadas en un coche volcado
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- El pueblo gallego que se transforma y brilla con luz propia en Navidad: a poco más de una hora de Santiago
- Una cafetería de Santiago se cuela entre las mejores de Europa
- Sanmartín, sobre el cierre del túnel del Hórreo: 'É lamentable utilizar como medida de presión unha molestia á veciñanza
- Un rayo deja inoperativos los semáforos de Santiago y limita los accesos al túnel del Hórreo
