A oposición local de Santiago coincide en que a zona ORA non resolverá o problema de aparcamento no CHUS

Alfonso Rueda agarda “que logremos chegar a un acordo” logo da reunión do día 30 entre os gobernos local e autonómico en Raxoi

Estacionar no CHUS e nas súas inmediacións é toda unha odisea para os pacientes

Estacionar no CHUS e nas súas inmediacións é toda unha odisea para os pacientes / Jesús Prieto

Os grupos da oposición municipal (PP e PSdeG) coincidiron este xoves nas súas críticas á proposta do edil de Mobilidade, Xan Duro, de implatar o sistema de zona ORA na contorna do Hospital Clínico, prevista no informe que o Goberno local enviou á Xunta de Galicia de cara á xuntanza que terá lugar o día 30 en Raxoi coas consellarías de Infraestruturas e Sanidade.

 O líder do PP, Borja Verea, tachou de “chiste” a proposta e criticou que van aló “tres meses perdidos”. Para Verea implantar na área do Clínico a zona ORA é “unha tomadura de pelo” porque non solucionará o problema. O ‘popular’ aproveitou para lembrar a proposta presentada no seu día polo seu grupo, “unha proposta seria, solvente e ambiciosa”, en referencia ao proxecto de construción dun aparcamento en altura dentro do recinto hospitalario “con máis de 1.000 prazas e zonas verdes”.

O edil socialista Gonzalo Muíños foi máis alá na crítica polo anuncio da implantación da ORA e afirmou que o PSdeG ten “serias dúbidas” de que a iniciativa resolva o problema de estacionamento do CHUS ademais de denunciar que “prexudica á veciñanza que non teña aparcadoiro na vivenda”. Muíños asegurou que isto pasa porque a alcaldesa “Sanmartín se nega a falar cos veciños, que agardan dende novembro para ter unha xuntanza co Goberno”. 

Muíños insistiu en que os socialistas lamentan “que Sanmartín prefira ir por libre en lugar de dialogar coa veciñanza e coa oposición” e recalcou que o seu sería “esixirlle á Xunta que cumpra co que marca no seu propio estudo de mobilidade e ofreza transporte colectivo para os seus traballadores”. O voceiro socialista tamén considerou pouco “efectivo anunciar unhas liñas de bus cando aínda non sabemos cando entrará en funcionamento o novo contrato”, “é un brinde ao sol” insistiu.

Cunha actitude máis positiva amosouse o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que preguntado por esta cuestión se remitiu á vindeira reunión entre Sanidade e Infraestruturas co Goberno local expresando o seu desexo de que “logremos chegar a un acordo, polo interese xeral”.

Rueda, que afirmou que “o fundamental para as persoas que acoden a un hospital é que o atendan ben”, valorou positivamente a “contraproposta local” e afirmou que na xuntanza do día 30 “tentarase seguir avanzando” para resolver os problemas de mobilidade do CHUS. 

A Xunta axiliza as obras de Protonterapia declarándoo 'proxecto público de urxencia'

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu en rolda de prensa onte logo da xuntanza do Consello de Goberno. Unha cita na que fixo referencia ao Centro de Protonterapia que se instalará no complexo hospitalario do CHUS

Rueda anunciou o acordo, a proposta da Consellería de Sanidade, de declarar este proxecto “público de emerxencia e interese social”, unha declaración que permitirá “axillizar trámites e facelos máis sinxelos” de modo que isto reverterá tamén nuns menores prazos de execución e, polo tanto, na súa posta en marcha antes do que estaba previsto.

O xefe do executivo galego lembrou tamén que máis alá da construción do centro xa están iniciadas as obras para o aparcamento correspondente, “unha vez que a Xunta de Goberno de Santiago aprobou a licitación”, algo que aconteceu nos últimos días, como precisou o presidente.

O presidente gabouse unha vez máis de que este Centro de Protonterapia, financiado con fondos da Fundación Amancio Ortega, “será o primeiro en funcionar entre os 10 que se van construír en toda España”.

Unha cuestión que repercutirá positivamente non só nos pacientes oncolóxicos galegos, porque o centro atenderá tamén pacientes de comunidades, como Asturias e Castela e León.

Alfonso Rueda lembroulle aos medios que a posta en funcionamento do Centro de Protonterapia de Santiago permitirá levar a cabo un tratamento oncolóxico “máis seguro, máis eficaz, máis preciso e menos invasivo” do que son outros como a radio ou a quimioterapia, aínda que a protonterapia é unha modalidade de radioterapia coa salvedade de que emprega protóns en lugar de raios X ou electróns.

Isto último é o que permite unha menor invasividade pola posibilidade de que adose sexa máis precisa actuando nos tecidos tumorais e, por tanto, afectando menos ás áreas e febras sans que rodean o tumor.