A Xunta agarda “seriedade” do Concello para negociar o plan de mobilidade do CHUS

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, ve “sorprendente” que se inclúa no informe local “a creación dun parque arqueolóxico financiado polo Goberno galego”

A falta de estacionamento do CHUS agravouse co comezo das obras de amplicación

A falta de estacionamento do CHUS agravouse co comezo das obras de amplicación / Antonio Hernández

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, pronunciouse onte ao respecto do informe de mobilidade do CHUS presentado polo Goberno compostelán esta mesma semana e que será obxecto de debate na xuntanza que celebrarán ambas administracións o 30 de xaneiro no Pazo de Raxoi.

“A primeira impresión”, asegurou Vázquez, “é que non se trata dunha proposta de convenio” senón dunha “contraproposta ao convenio remitido polo Goberno galego para mellorar a mobilidade e a integración” do Clínico.

A conselleira fixo fincapé en que a Xunta “executa, como contraproposta, dúas actuacións importantes, por valor de 110 millóns de euros”, en referencia ás obras de ampliación do Clínico e á creación do Centro de Protonterapia.

Dende o Goberno autonómico ofrécese ao executivo compostelán “un marco colaborativo similar ao que lles propuxemos aos concellos da Coruña e Pontevedra” e, nesta liña, a Xunta agarda do Concello de Santiago “seriedade para negociar un hospital e a mobilidade na súa contorna” para chegar a “solucións reais para os composteláns e os pacientes que se achegan ao CHUS”.

Vázquez criticou que a proposta do bipartito e “practicamente a mesma que presentou en 2022 o Goberno de Sánchez Bugallo”, incluíndo liñas de bus urbano que “tendo o contrato caducado xa era un deber do concello”. Ademais, amosou a súa sorpresa porque se inclúa na proposta de mobilidade “a creación dun parque arqueolóxico financiado polo Goberno galego".

Raxoi específica as condicións da zona ORA no Clínico

O anuncio realizado este martes polo edil de Mobilidade de Santiago, Xan Duro, na presentación do informe de integración e mobilidade do CHUS, levantou inquedanza e dúbidas entre a cidadanía, polo que o Goberno local se viu na obriga de facer unha comunicación especificando cales serán as rúas afectadas pola implantación do sistema ORA na contorna do Clínico. Unha medida que procura a rotación no estacionamento pero non obriga a mover o vehículo cada certo tempo.

As rúas que formarán parte da noa zona ORA serán: as avenidas de Barcelona e Bilbao, onde se establecerán 110 e 43 prazas, respecivamente; e as rúas de Antonio Rama, Manuel Caeiro, Sempre en Galiza e Valentín Varela Iglesias, con 32, 16, 40 e 22 prazas.

Dende Raxoi recalcan que o establecemento do sistema de zona ORA non lles vai afectar ás prazas de residentes, correspondentes á zona 9 de Santa Marta, nin ás 90 prazas para residentes en horario nocturno ou os 40 estacionamentos incluídos no réxime xeral de residentes desa área.

O bipartito anuncia que o departamento de Tráfico non descarta estudar a ampliación das prazas de residentes en horario nocturno.