Raxoi implantará a zona ORA na contorna do CHUS para promover maior rotación

O Goberno local estuda ampliar o aparcamento gratuíto de Santa Marta

O 30 de xaneiro presentaralle á Xunta o novo informe de mobilidade para o Hospital Clínico

O informe recolle o reordeamento do eixo rúa da Cantaleta (ao fondo da imaxe)-Travesa da Choupana

O informe recolle o reordeamento do eixo rúa da Cantaleta (ao fondo da imaxe)-Travesa da Choupana / Antonio Hernández

O Goberno bipartito de Santiago reunirase o 30 de xaneiro en Raxoi cos conselleiros de Sanidade e Infraestruturas da Xunta para presentarlle o informe municipal de mellora da mobilidade do CHUS. Ao respecto da reunión a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, recalcou que non se trata de “debater sobre quen se fai cargo dos custos senón do que hai que facer”. Nesta liña instou de cara a esa xuntanza a atopar unha “solución xusta para a veciñanza”.

Entre as reformas que se prevé aplicar, alén de aumentar as liñas de transporte público ao Clínico, está tamén a de incorporar 240 prazas de aparcamento de zona ORA na contorna do centro sanitario. “Trátase de promover a rotación do estacionamento”, anunciaba en rolda de prensa o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, que tamén puntualizaba que dita rotación non estará obrigada por un tempo limitado de aparcamento, “somos conscientes de que sabemos cando entramos no hospital pero non cando saímos” e deste modo tamén se atenden as necesidades doutros traballadores da zona, non só dos profesionais e pacientes do CHUS.

Outra das medidas que incorpora o informe presentado polo Concello ao Goberno galego é a de estudar a ampliación do párking gratuíto de Santa Marta, que conta na actualidade con 275 prazas e está próximo á plena ocupación, engadiríanse neste caso 210 espazos máis, sumando o total de 485 prazas

E unha vez máis, no relativo ao estacionamento na contorna do CHUS o Goberno local volve poñer enriba da mesa a parcela próxima ao CiMUS. “A Xunta pode construír nela un aparcamento en altura nese terreo que o Concello está ofrecendo dende 2017 e que daría lugar a 560 prazas de estacionamento en 4 andares”, lembraba Duro. O edil de Compostela Aberta urxiu á Xunta a actuar “porque as obras de ampliación xa están en marcha”. 

“As 140 prazas de aparcamento” recentemente licitadas na Travesa da Choupana “non resolven o problema” para Xan Duro, xa que o previsto pola empresa para o centro de Protonterapia era 220 prazas, para persoal traballador “pero tamén se precisa espazo de ocupación para materiais”.

Transporte colectivo

O edil de Mobilidade de Santiago fixo referencia aos plans do Goberno local canto a liñas de transporte urbano para conectar con Clínico sen necesidade de empregar vehículo particular. “Na actualidade hai xa 8 liñas que inclúen o CHUS nos seus percorridos”, indicaba Duro, “e que lle dan servizo a unhas 12.000 persoas diariamente, sen contar transbordos”. 

Duro indicou tamén as ampliacións de liñas urbanas previstas nos pregos da nova licitación de transporte público da cidade -en tramitación neste momento-. As liñas C4, C2, 1 e 4 aumentarán as súas frecuencias, crearase unha liña de transporte nocturno circular de San Caetano que terá parada no Clínico e engadirase a liña 10 que unirá O Milladoiro (Ames) con Sigüeiro (Oroso), cada 30 minutos e con parada no centro hospitalario. 

“O Concello asume deste modo un custo de transporte público duns 5 millóns de euros anuais”, explicaba Duro para aproveitar e reclamarlle á Xunta que asuma as súas competencias en transporte metropolitano e específico do CHUS. “O único que pedimos é que aplique o que di o seu propio estudo de mobilidade e que poña en marcha o Plan de Transporte ao Traballo (PTT), suxeito ás leis de economía sostible e de mobilidade sostible que recomendan a súa implantación en empresas de máis de 400 traballadores e de 500 -ou 250 por quenda-, respectivamente.

Integración urbana do CHUS e actuacións no viario periférico

O edil de Urbanismo, Iago Lestegás, fixo referencia ao apartado de integración urbana do hospital na cidade (vencellándoo co parque arqueolóxico urbano do Castriño de Conxo, previsto no planeamento urbanístico de Santiago), ademais de debullar “as catro actuacións básicas” que o executivo local ve necesario realizar nos accesos do Clínico e que afectan á avenida Filgueira Valverde, ao eixo da rúa da Cantaleta coa Choupana, ao nó deste último barrio -que afecta tamén a Volta do Castro e Santa Marta- e á avenida de Antón Fraguas.

Unhas actuacións que “exceden claramente a magnitude local”, polo que o Concello apela a enmarcar a súa estratexia dentro do PIA (Proxecto de Interese Autonómico), ademais de aproveitar que o hospital está “en contacto directo coa cidade a diferencia doutros centros noutros lugares”, mediante a potenciación desta posición estratéxica do CHUS na cidade. 

O periférico Filgueira Valverde, que conecta Vidán e A Choupana “ten na actualidade difícil visibilidade” polo que Urbanismo propón crear un acceso a nivel “bordeando o futuro parque arqueolóxico”. A segunda das actuacións prioritarias para Raxoi implica a área entre a rúa da Cantaleta e a Choupana que incidiría positivamente na mobilidade do CHUS porque “favorecerá e protexerá os desprazamentos a pé, creará dársenas e espazos de acollida para as persoas de fóra do municipio e integrará os edificios auxiliares do Clínico no propio complexo hospitalario”.

O nó da Choupana, máis alá de completar a media rotonda actual que vincula Volta do Castro e Santa Marta co centro sanitario tamén permitirá “integrar os fluxos peonís que supón o paso do Camiño portugués”, que lle confire á área a condición de BIC (Ben de Interese Cultural). A conexión da rúa Fernández Albor coa avenida Antón Fraguas permitirá, segundo o informe municipal, unha mellor conexión entre o CHUS e os hospitais situados en Conxo.

O total de actuacións propostas no informe local suma unha achega económica de Santiago ao proxecto de 10.650.540 euros

Integrar o Clínico no parque arqueolóxico do Castriño de Conxo

Petróglifo do Castriño de Conxo, o que conta con máis referencias bibliográficas en Galicia

Petróglifo do Castriño de Conxo, o que conta con máis referencias bibliográficas en Galicia / A Rula

O edil Iago Lestegás fixo referencia, durante a súa intervención na presentación do informe local de integración urbanística do CHUS, á actuación prevista no planeamento local e que a ollos do Goberno é “clave para mellorar a integración e accesibilidade” do centro sanitario cunha “adecuada resolución na zona de contacto do Clínico e o SUD-9-10”.

Área esta última na que está prevista a creación do parque arqueolóxico urbano do Castriño de Conxo. Unha intervención que convertiría a área “nun espazo de calidade ambiental e paisaxística” ademais de contribuír á creación dunha nova fachada urbana na zona de contacto entre o Clínico e o SUD-9-10 “que organice os accesos ao hospital e soporte novos edificios sanitarios”.

“Supón unha oportunidade única para crear un espazo urbano de calidade ao carón do complexo hospitalario”. “A posta en valor do Castriño de Conxo e a súa conexión co Castelo da Rocha permite a creación dun gran parque nas inmediacións do CHUS”, afirman dende o executivo local. Unha zona de “esparcemento” que mesmo pode ter “efectos favorecedores para a sáude” a ollos do edil Lestegás.

No informe, detállase sobre este plan de integración, cuxa adquisición de terreos se asocia á xestión do sector SUD-9-10, que permite “a expansión do complexo hospitalario, garante a súa conexión física e visual co novo parque urbano e fai viable o desenvolvemento do propio sector urbanizable”. 

De todas esta actuacións, á Xunta de Galicia corresponderíalle, de chegaren a acordo neste punto o vindeiro martes 30 de xaneiro en Raxoi, a elaboración do proxecto de arqueoloxía do novo parque, executar as obras de urbanización necesarias para a creación mesmo, así como levar a cabo as actuacións precisas para a súa posta en valor.

Por parte do Concello de Santiago, este encargaríase de obter os terreos necesarios para a mencionada actuación, para o que dispón dunha partida de 1.534.620 euros.