O Castriño de Conxo, o petróglifo que conecta Santiago con Stonehenge

Nos últimos dez anos na comarca de Santiago pasamos de coñecer 40 ou 50 exemplares a máis de 160. O traballo de colectivos como A Rula é crucial para a súa posta en valor

Petróglifo do Castriño de Conxo, o que conta con máis referencias bibliográficas en Galicia / A rula

Petróglifo do Castriño de Conxo, o que conta con máis referencias bibliográficas en Galicia / A rula / manu lópez

A comarca de Santiago é un territorio moi rico en manifestacións de arte rupestre. A pedra estivo moi presente na nosa cultura e os nosos antepasados deixáronnos múltiples expresións dos seus costumes, a súa ritualidade ou a súa organización social gravadas nela. A maior parte destes petróglifos son de finais do Neolítico e da Idade de Bronce, pero tamén hai exemplares de época moderna e medieval, segundo explica Luis Leclere, presidente do colectivo A Rula, que na última década levou a cabo unha importante labor de divulgación, protección e posta en valor deste patrimonio.

Leclere indica que nestes últimos dez anos “pasamos de coñecer na comarca 40 ou 50 petróglifos a coñecer máis de 160”. E non aumentou únicamente a cantidade, senón tamén “a súa calidade e variedade”. No caso dos elementos prehistóricos, os especialistas divídenos en motivos xeométricos e naturalistas. Con respecto aos primeiros, “descoñecemos o significado”, mentres que os segundos “falan bastante das comunidades que os gravaban”, xa que podemos atopar escenas de caza, armas vencelladas ás elites como elementos de prestixio ou motivos funerarios, que amosan cambios de ritualidade.

Deste xeito, existen xacementos como o Castriño de Conxo, “o petróglifo de Galicia con máis referencias bibliográficas. É fundamental á hora de datar a nosa arte rupestre. As armas gravadas son as que aparecen en xacementos da cultura Wessex, que é a que constrúe Stonehenge”, apunta Leclere. Outros exemplos destacados son o de Outeiro do Corno en Teo, vinculado coa arte da meseta; a Devesa da Rula en Villestro, que conta cunha gran concentración de elementos deste tipo; ou a Peneda Negra en Ames, que supón a pedra máis grande con superficie gravada. En definitiva, unha gran cantidade de exemplos “de alto valor estético e tamén histórico e científico”, resume o presidente de A Rula.

A pesares desta importante presenza e do seu alto valor patrimonial, dende A Rula poñen o acento na “falta de vontade” por parte das administracións públicas para a súa posta en valor. “É un patrimonio bastante esquecido en toda Galicia. Por iso, nós e outros colectivos traballamos pola súa protección e divulgación. É un abandono que podemos vincular co estado dos nosos montes pola falta dunha xestión axeitada”, reflexiona Luis Leclere. O presidente da entidade engade que “o estudo de determinados elementos do noso patrimonio parece que queda máis en mans de iniciativas asociativas ou comunitarias que das obrigas que teñen as administracións”.

A situación que describe provoca que “seguimos sen constancia da protección de moitos dos xacementos que temos notificados”. Fronte a ela “preferimos sacar as forzas que temos para levar aos rapaces dos colexios e a comunidade a coñecer os xacementos, que son quen máis se involucra”. “Se non o protexemos nós, pode acabar desaparecendo”, manifesta Luis Leclere.

Entre os pasos dados para acadar unha maior protección, figura a iniciativa Compostela Rupestre, posta en marcha en 2018 entre a Deputación da Coruña e os concellos de Santiago, Ames, Teo, Val do Dubra e Brión. O pasado mes de marzo o goberno local de Santiago aprobou a solicitude dunha subvención ao ente provincial para o futuro Centro de Interpretación de Arte Rupestre de Villestro. A Rula forma pare do seu órgano asesor, pero aínda así, Leclere considera que “parece que non arranca. Fixeron o plan director, que está moi ben, pero para nós son moi lentos estes procesos”.