Rosalía de Castro, símbolo dunha Galicia transgresora, feminista e defensora da cultura galega

Compostela reivindica no 187 aniversario do seu nacemento a figura da escritora santiaguesa e o seu compromiso co galego

Santiago volcouse este venres na celebración do 187 aniversario do nacemento na cidade dunha muller transgresora, feminista e comprometida coa súa lingua e a súa cultura, unha Rosalía de Castro hoxe convertida en auténtico símbolo e referente de Galicia no mundo.

Nunha intensa xornada de homenaxe que comezou na Praza de Vigo, lugar onde naceu a escritora, o presidente da fundación que leva o seu nome, Anxo Angueira, destacou que “con Rosalía naceu un proxecto de dignidade para as linguas, para a cultura, para o pobo e para as mulleres de Galicia e do mundo”.

Desde a asociación Raigame, Xosé Manuel Durán reivindicou a necesidade de dignificar o lugar onde naceu quen “foi a voz dos humildes, a voz dos desamparados”.

Sol Agra, responsable da área de Igualdade da Deputación da Coruña, falou desa Rosalía “costumista, sentimental e melancólica” que debuxaban na ensinanza e que con importantes investigacións sobre a súa figura descubriron logo unha “escritora que falou das mulleres, da violencia machista, das enfermidades mentais, da opresión, do maltrato e da explotación aos traballadores do campo galego”, sen esquecer que “ergueu a bandeira da dignidade e do orgullo de ser galega”.

O alcalde de Padrón, Anxo Rei, invitou a desfrutar da poeta e, dirixíndose aos rapaces do Quiroga Palacios e o Cluny que recitaron uns versos da escritora, aseguroulles que segundo “vaiades madurando, iredes vendo nela un faro que os pode guiar, moi especialmente ás rapazas como símbolo feminista”.

Para a rexedora compostelá, Goretti Sanmartín, o 23-F “é o día de celebración dunha muller especial, rebelde, transgresora, con conciencia ecoloxista, feminista e que reivindicou a nosa lingua e a nosa cultura; unha muller alegre e feliz, que quería intervir no mundo cultural”. 

Ademais de animar á cidadanía a participar nas múltiples actividades programadas para este venres e sábado en Compostela, insistiu en que “Rosalía era moi consciente de que era unha transgresora ao comezar a escribir en galego, con aquela forza”, e reivindicou as súas reflexións sobre a capacidade das mulleres para facer todo o que se propuxeran.

O acto da Praza de Vigo, no que tamén estiveron o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, así como diferentes membros da corporación compostelá, rematou coa intervención do presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, quen se referiu a Rosalía como “un icono, un símbolo do feminismo, da loita pola igualdade, de valentía, das letras galegas e da nosa cultura”, e invitou a engrandecer “esa marca Galicia que supón en todo o mundo”.

O grupo Carapaus encargouse da música nunha cita na que os rapaces Noé García e Carolina Martínez destacaron o papel inspirador de Rosalía en defensa do galego.

Tras depositar un ramo de flores na pía da Capela Real na que foi bautizada o 24 de febreiro de 1837, Anxo Angueira foi dando paso aos representantes de diferentes institucións e asociacións culturais, que recitaron fragmentos da súa obra.

Entre os intervintes, ademais dos alcaldes de Santiago e Padrón, o director xeral de Cultura en funcións, Anxo M. Lorenzo, e a deputada de Igualdade, participaron o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e os representante da Fundación Pondal e Uxío Novoneyra, Xosé Ameixeiras e Uxío Novo, respectivamente.

Canda eles, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, quen lembrou a recente inauguración da Biblioteca Rosalía no Instituto Cervantes de Curitiba.

O acto, no que actuaron Carapaus, Faia, Estela Pereira e Lucas Lugo, pechouse cun caldo de Gloria.

Pola tarde, e ademais das actividades de Mazarelos, a Banda Municipal de Música de Santiago sumouse á homenaxe cun concerto no Auditorio co Coro Cardenal Quiroga e a Asociación Amigos da Ópera da cidade compostelá

Mazarelos, centro neurálxico da homenaxe

A Praza de Mazarelos, centro neurálxico da homenaxe desta fin de semana en Compostela, acolle desde onte pola tarde a VI edición do Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago. Baixo o lema Un grande atrevemento, conxúganse poesía, escena, música, artesanía e narración oral. 

O certame comezou coa inauguración por parte da alcaldesa e a apertura da feira de produtos con marca Rosalía. A Trastenda dos contos ofreceu a sesión de contacontos infantil Somos fíos, somos fontes, somos regatos pequenos, dando paso ao espectáculo escénico Dúo vaguedades, no que Isabel Risco e Fran Rei representaron a Rosalía e Eduardo Pondal. A cantante Mónica de Nut, a narradora oral Vero Rilo e a recitadora Nuria Vil pecharon a xornada coa posta en escena de Indóciles, centrado na obra de Luísa Villalta, a quen esta ano a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras.

O programa continúa hoxe ás 12.00 horas en Mazarelos co espectáculo Ópera Break’s, ao que lle segue a sesión vermú, a cargo de Luís Vallecillo, que ofrecerá Cantamos con... Rosalía de Catro!.

Os Quinquilláns protagonizarán ás 16.30 horas un pasarrúas teatralizado pola cidade, e ás 17.00 horas terá lugar Contos nunha roda, sesión de narración oral baseada en Rosalía e os seus Cantares gallegos.  

Ademais, haberá un Quiz Rosaliano e presentarase o libro Intenso e solidario feminismo, de Pilar García Negro, e ás 20.00 horas, Chan de Pólvora Editora reunirá nun recital as voces de Rosalía Fernández Rial, Sol Mariño, Lúa Mosquetera e Nuria Vil. Loita Amada pechará o festival ás 21.15 horas, cun concerto no que presentará Rematou o simulacro