Degustación en As Cancelas, entradas para o Compos e roteiro guiado: volve a Festa da Uña a San Lázaro

Este ano dedícaselle á veciña Casilda Porto 'Chila'

Celebrarase dende o 15 ao 18 de marzo e contará coas orquestras América e París de Noia

O día da poxa será o luns e poñerá a música a Banda Municipal de Música

Imaxe da poxa en pasadas edicións da Festa da Uña de San Lázaro

Imaxe da poxa en pasadas edicións da Festa da Uña de San Lázaro / ECG

Chega una ano máis a Festa da Uña de San Lázaro, unha das nosas festas gastronómicas máis antigas e con grande valor na cidade. A presentación do programa, que se desenvolverá entre os días 15 e 18 de marzo, tivo lugar este mércores no Pazo de Raxoi, da man da concelleira de Turismo, Míriam Louzao; a xerente de Incolsa, Flavia Ramil; o presidente da Orde da Uña, Fernando Neira; e o xerente de As Cancelas, Javier Nicolás Blanco.

A edición deste ano contará con tres novidades, ademais de estar dedicada a Casilda Porto 'Chila' xa desaparecida e que tradicionalmente cociñaba a uña ao pé da igrexa. O anuncio fíxoo a edil Míriam Louzao. Unha das novas propostas é a degustación, ademais das xa tradicionais nos restaurantes do barrio e da cidade, no Centro Comercial As Cancelas integrada na súa proposta 'Facer cidade' que "ademais do ámbito cultural e deportivo integra o ámbito gastronómico", explicaba Javier Nicolás, que tamén adiantaba que habería sorpresa na proposta de maridaxe da uña.

As festas arrincan o venres 15, con esa degustación en As Cancelas e o día grande será o luns 18 coa poxa polas uñas, coma sempre por detrás de igrexa de San Lázaro e co acompañamento musical da Banda Municipal de Santiago, que non puido acompañar os fregueses o pasado ano. Será arredor das 11.45 horas, logo da cerimonia eclesiástica programada para as 11 horas.

O día grande, arredor das 23 horas comezará a sesión musical coa orquestra París de Noia, pero polo medio moita música, moito barrio e, por suposto, moita uña. Serán 25 os restaurantes composteláns que ofrezan este prazo tan valorado na cidade e no barrio de San Lázaro, onde 14 destes establecementos totais se sitúan.

A Sociedade Deportiva (SD) Compostela, cuxo estadio -Verónica Boquete- tamén se sitúa en San Lázaro non quixo tampouco quedar á marxe da festa principal do barrio, polo que os restaurantes que ofrezan uña tamén disporán de entradas-agasallo para o encontro da SD co Langreo o domingo 17 ás 17 horas.

Ese mesmo domingo, dende as 10 da mañá está organizado un roteiro guiado polo barrio de San Lázaro, 'O Berce do Sar: percorrendo o barrio de San Lázaro pola beira do río Sar' a cargo da Asociación Veciñal Monte do Gozo, que levará os participantes polos 4,2 km de ruta fluvial e que lles descubrirá as curtidorías e muíños que se establecían nesa ribeira.

E para acompañar a uña, o bertón, o chourizo e a pataca cada un dos días haberá, coma sempre, moita música. Ademais da banda municipal e a da orquestra París de Noia, que actuarán o luns, contarase con JB Son, coa alborada que tocarán os gaiteiros e as sesións vermú da charanga BB+. As actuacións estelares do domingo 17 serán a Banda das Crechas, que actuará sobre as 19 horas e, pola noite a orquestra América.

Desestacionalizar e deslocalizar o turismo

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, quixo poñer en valor durante a presentación, non só a Festa da Uña de San Lázaro, senón tamén a importancia do evento para tres das metas do Goberno compostelán: desestacionalizar e deslocalizar o turismo, ademais de "coñecer o noso pasado" co obxectivo de recuperar e reforzar "o orgullo de ser compostelán".

Louzao destacou que o evento se desenvolva nas semanas previas á celebración da Semana Santa, como factor desestacionalizador do turismo. Ademais, sinalou a importancia de que aínda que a festa se estenda por toda a cidade, o centro neurálxico é San Lázaro, "un barrio alonxado da améndoa de Santiago, o que contribúe tamén á deslocalización turística".

Finalmente, a edil do BNG, reivindicou a antigüidade desta festa gastronómica, tan enraizada na cidade e no barrio, pola importancia deste tipo de programacións para "coñecer o noso pasado, esta festa é parte da nosa historia e da nosa esencia e sentir orgullo de sermos composteláns", afirmou.