Nova proposta do Concello de Santiago no pulso coa Xunta pola construción do párking do Clínico

O Goberno local presenta un protocolo con 10 compromisos para cada unha das partes

A Xunta "lamenta profundamente" que se rexeite a proposta de colaboración que realizaron no mes de xaneiro

Nova proposta do Concello de Santiago no pulso coa Xunta pola construción do párking do Clínico

Jesús Prieto

A alcadesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou na mañá deste martes un 'protocolo de colaboración' coa Xunta de Galicia en aras de "desbloquear" as negociacións para a construción dun novo aparcamento no Hospital Clínico (CHUS). Unhas conversas nas que non hai apenas puntos de consenso entre as administracións local e autonómica pero que con este documento a rexedora considera que se dá "un avance xeneroso para chegar a un acordo".

O fundamental deste protocolo presentado polo Goberno de Santiago radica na asunción de 10 compromisos por parte da Xunta e outros tantos por parte do Concello. No primeiro caso, o máis substancial, xira arredor da promoción e aprobación dun proxecto de interese autonómico (PIA) para "garantir a adecuada inserción no territorio das actuacións" que o Sergas leve a cabo para a construción do novo aparcadoiro.

De ser favorable a Xunta á aprobación do PIA, o Concello de Santiago asumirá o 20% do custo total afectando a "todas aquelas actuacións que teñan lugar fóra da parcela do CHUS", explicaba Sanmartín, xa que o bipartito considera fundamental o reordenamento e a racionalización na construción do aparcadoiro.

A resposta da Consellaría de Infraestruturas

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, non tardou en dar resposta á nova comunicación do Goberno local a través dos medios de comunicación. "A Xunta lamenta que o Concello de Santiago renuncie á colaboración para mellorar a mobilidade do CHUS e tamén no saneamento do rural" foron as súas primeiras palabras ante a comunicación do protocolo enviado por Goretti Sanmartín.

"Recibimos con sorpresa a resposta negativa ao que formulamos en xaneiro", insistiu, xa que definiu o proxecto de colaboración da Xunta como "xeneroso" lembrando o investimento de 110 millóns de euros para ampliar o hospital , crear 1.000 prazas de aparcamento integradas na contorna do CHUS e humanizar a contorna.

Vázquez recalcou que o Goberno autonómico "só pedía 3,5 millóns e compensabamos esa cantidade cofinanciando o 70% das obras de saneamento do rural", unha actuación que "é competencia municipal" subliñou. A conselleira de Infraestruturas insistiu no seu comunicado "non compartimos nin comprendemos a negativa" do Concello de Santiago a unha infraestrutura que definiu economicamente "eficaz, viable e asumible".

O Concello de Santiago iniciou esta semana as obras para o párking provisional no CiMUS

O Concello de Santiago iniciou esta semana as obras para o párking provisional no CiMUS / Jesús Prieto

Discrepancia sobre a ubicación do aparcadoiro

"A maioría da Corporación sempre entendeu que a opción de facer a obra dentro da parcela hospitalaria non é a mellor", insistía Sanmartín, "pero se a Xunta quere facelo así que active os mecanismos de que dispón", porque o obxectivo do Goberno local é o da integración de "todo o CHUS na contorna".

A alcaldesa defende que esta nova proposta se fai "para desbloquear a situación". Desta maneira, se a Xunta asume a obra como PIA, cubrirá o 80% da construción de todo aquilo que afecte ao interior da parcela do Sergas, e o Concello ocuparase do 20% restante, ofrecendo unha vez máis o 95% de bonificación do imposto sobre construcións, ademais da posibilidade de buscar unha parcela exterior ao terreo do hospital que sexa para a Xunta máis acaída que a xa proposta á beira do CiMUS, a 150 metros do hospital.

Así e todo, Sanmartín lembrou que se requeriu á Xunta unha especificación do lugar exacto no que quere construír o aparcadoiro dentro da súa parcela, e tamén a maneira na que se vai construír, algo ata o que de momento asegura non ter resposta por parte da Xunta.

"Que a Xunta saiba estar á altura"

Dende o Partido Socialista (PSOE) non tardaron en chegar as reaccións a esta proposta de colaboración. A edil Mercedes Rosón congratulouse por "este primeiro paso para reconducir as relacións entre as institucións". Rosón insistiu en que é o Goberno autonómico o que "ten as competencias de mobilidade no CHUS e é a Xunta quen ten que ofrecer solución".

Así mesmo, a socialista insistiu en que é o goberno de Alfonso Rueda quen debe resolver os problemas de mobilidade dos traballadores do Sergas e quen "ten que financiar as obras na súa parcela". Pero Rosón tamén lembrou que será competencia municipal "a reurbanización fóra da parcela e a mellora dos accesos" ao complexo hospitalario.

A edil do PSOE rematou a súa comunicación co desexo de que "a Xunta saiba estar á altura e a alcaldesa non se levante da mesa de negociación" ata que non se chegue a un acordo que resolva este conflito.

Os compromisos

O Goberno local require da Xunta de Galicia unha serie de compromisos que, máis alá da aprobación do PIA, teñen que ver con resolver os problemas de mobilidade na contorna hospitalaria. Pero mantense como décimo compromiso entre os requiridos da Xunta, o investimento de 3,5 millóns de euros para as actuacións de abastecemento e saneamento no rural, "para cofinanciamento do 70% de cada un dos proxectos que se acorde promover".

Unha das propostas dirixidas á mellora da mobilidade na contorna do CHUS é a de "habilitar prazas de aparcamento provisionais" por parte da Administración autonómica, como xa está a facer o Concello. A alcadesa recalcou tamén na súa rolda de prensa que o Goberno autonómico debe "reordenar e racionalizar o uso dos espazos de aparcamento existentes".

O tema do transportes é outro dos que centra os compromisos que se requiren da Xunta, a implementación dunha oferta de transporte público metropolitano e o establecemento dun plan de transporte ao traballo.

Pola súa parte, o Concello de Santiago asume o compromiso, alén do 20% do custo do PIA, a modificación do planeamento urbanístico, o remate da glorieta da confluencia entre a rúa Volta do Castro e a travesa da Choupana e a posta a disposición da Xunta dos "terreos de titularidade municipal que poidan destinarse a completar a actual dotación de prazas de aparcamento da zona".

O Concello, que vén de implantar a zona ORA na contorna do CHUS, fala tamén de habilitar outras prazas de aparcamento provisionais. Refírese neste caso á parcela próxima ao CiMUS e a 150 metros do complexo hospitalario, cuxas obras comezaron esta mesma semana.

Sanmartín insiste en que dende o Goberno local "mellorarase o transporte urbano que dá servizo aos hospitais e realizará accións para mellorar o acceso ao servizo de taxi".