Está baleira a zona ORA de Santa Marta? Raxoi contraataca con cifras

Dende o 27 de febreiro o barrio conta con 287 prazas de área azul

Estacionaron unha media 2,5 vehículos por espazo

A zona azul comezou a funcionar o 27 de febreiro

A zona azul comezou a funcionar o 27 de febreiro / Antonio Hernández

O Concello de Santiago desmente as denuncias da oposición sobre o estado “baleiro” das prazas de aparcamento nas rúas da contorna do Hospital Clínico (CHUS) dende que o pasado 27 de febreiro comezou a funcionar a zona ORA. Segundo os datos de Raxoi, o xoves 7 de marzo estacionaron no barrio de Santa Marta 729 vehículos, que ocuparon nalgún momento do día algunha das 287 prazas habilitadas, o que dá unha media de 2,5 vehículos en cada espazo delimitado.

Raxoi arreponse con estas cifras ás denuncias e críticas da oposición, tanto do PP coma do PSOE, que nos últimos días alertaban non só de que non se estaban a ocupar os estacionamentos da zona azul senón de que, ademais, iso agravaba aínda máis a saturación habitual no aparcamento do CHUS. Sobre isto último, o voceiro socialista Gonzalo Muíños difundía nas redes sociais a ocupación do párking hospitalario a primeira hora da mañá, antes de comezar o horario de consultas externas.

Ao respecto deste último aspecto, a saturación do aparcamento no Clínico, o Goberno local é rotundo e insiste en lembrar que nesa parcela “a xestión é da Xunta de Galicia” e, polo tanto, non hai competencias municipais ao respecto. Mentres non se desbloquea a negociación para iniciar as obras de ampliación do párking do CHUS, o que si fixo o Concello foi iniciar, esta mesma semana, as obras para habilitar 140 prazas de estacionamento á beira do Cimus, de carácter provisional mentres non se resolve a problemática na parcela do Clínico.

Para Raxoi e, en particular para o edil de Mobilidade Xan Duro, a implementación desta medida nas rúas da contorna do CHUS arroxa datos positivos e poñen o foco no feito de que “a pesar de non ser obrigatoria a rotación” estase a dar, o que indica ao seu ver que esas prazas están a ser ocupadas por usuarios e pacientes do Hospital Clínico.

Sobre esta cuestión o PP esixe “a retirada inmediata” da ORA, unha medida que considera que só busca “recadar” e denuncian que “o BNG estase a aproveitar dos usuarios dese hospital”

Tarxetas de residente por razón de municipio para a zona verde

A zona ORA non é a única medida de que dispoñen os concellos para ordenar e regular o tráfico no ámbito municipal. Xunto a estas áreas azuis tamén hai un ordenamento para persoas residentes, a chamada zona verde, un rexime excepcional que se asigna en función do lugar do domicilio.

Pero hai tamén unha terceira opción, a solicitude dunha tarxeta de residente por razón de municipio que permite estacionar con carácter xeral nas diversas áreas de zona verde da cidade.

Esta tarxeta ten un custo anual de 50 euros. Os requerimentos para solicitala son os mesmos que no caso de pedir a de residente: estar empadroado no Concello de Santiago. Esta opción resulta incompatible coa petición por razón de domicilio, que permite estacionar nos espazos verdes reservados próximos á vivenda do solicitante.

Ademais, para quen solicite a tarxeta por razón de municipio tamén cómpre ter en conta que, de facer uso da zona ORA, ten a vantaxe que a duración de estacionamento pode chegar aos 240 minutos.

Suscríbete para seguir leyendo